Pulo a nosa lingua en Bueu

Contacontos infantil a cargo de Polo Correo do Vento. // FDV

Contacontos infantil a cargo de Polo Correo do Vento. // FDV / l. c.

l. c.

O Concello de Bueu celebrou as Letras Galegas cunha semana chea de actividades musicais e didácticas dirixidas a un amplo público, entre as que se atoparon concertos, charlas e a tradicional Romaría das Letras de Sanamedio. A semana festiva remata este sábado día 20 cunha tarde moi lúdica na Casa do Pobo de Beluso e na Casa da Aldea de Meiro.

Pulo a nosa lingua en Bueu

Entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo / l. c.

A semana das Letras Galegas deu comezo o pasado luns 15 de maio no Centro Social do Mar coa entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo. A este evento asistiron Manuel López, gañador na categoría de poesía, e Héctor Pena, premiado na área de xornalismo. O mesmo espazo acolleu a presentación do libro “A escola pública en Bueu” do historiador e mestre local Arturo Sánchez Cidrás. O ex-docente deleitou aos asistentes cunha charla, na que tamén interveu o concelleiro de cultura, Xosé Leal. Na obra exposta realízase un percorrido pola historia do ensino público no concello coa axuda de datos históricos e fotografías de arquivo.

O día previo ás Letras Galegas, a vila encheuse de música e festexo coa celebración de “Sons no Urbano!” no Aparcadoiro de As Lagoas. O cartel deste pequeno festival harmónico conformárono as actuacións de Xosé Lois Romero e Aliboria, The Skarnivals e M@3DJ. A música tradicional de Xosé Lois e Aliboria chegou a Bueu no marco do programa Musigal da Deputación de Pontevedra; mentres que o grupo local The Skarnivals presentou, no seu concerto, algúns dos temas que conforman o seu novo disco “Latexos”, xunto con outras cancións máis características da banda. Todas as actuacións se celebraron nunha carpa que foi instalada para a ocasión e houbo unha barra pertencente á Asociación da Xuventude de Cela na que os asistentes puideron consumir as súas bebidas mentres gozaban dunha “velada marchosa”.

O Adro de Sanamedio (Bon) foi o encargado de acoller a XXII Romaría das Letras que, durante o 17 de maio, en colaboración coa Asociación Cultural de Sanamedio, reuniu diversas actividades ata a media tarde. O día festivo deu comezo ao mediodía cunha actuación de música tradicional da man de Os Liboreiros e Pais de San Roque, continuando cunha sesión de micro aberto. Durante a xornada, o Bueu Atlético Balonmán foi o encargado de poñer a disposición dos presentes unha cantina, permitindo que se puidera xantar ao mesmo tempo que se divertirse. Pola tarde, a cativada foi a protagonista, gozando do espectáculo dun contacontos infantil a cargo de Polo Correo do Vento. A Romaría das Letras rematou coa actuación d’ Os Palleta Mollada e con xogos populares.

O Centro Social do Mar foi o encargado de pechar o día das Letras Galegas co tradicional concerto organizado pola Coral Polifónica Marusía. Neste espazo, actuaron a Coral Polifónica Santa Comba de Cordeiro (Valga), a Coral Polifónica de Salceda de Caselas, a Coral Polifónica Queixumes do Hío (Cangas) e a propia anfitrioa. As persoas asistentes fundíronse ao ritmo das pezas interpretadas polas catro corais e gozaron dunha velada moi especial.

Bueu concluirá hoxe a semana das Letras Galegas na parroquia de Beluso e no lugar de Meiro. A partir das 18.00 horas, a Asociación Cultural Novos Ventos ofertará na Casa do Pobo de Beluso contacontos e xogos tradicionais. Neste mesmo espazo, o bueués Guillerme Ignacio Costa presentará o libro “Damas e ghaláns do Entruido de Nergha”, obra na cal o autor analiza as danzas que forman parte do Entroido do Morrazo. O interese de Costa polo Entroido xurde entre os anos 2018 e 2019 grazas ao antropólogo Rafael Quintía, quen foi o encargado de orientalo neste mundo.

A Asociación Veciñal A Morada clausurará a semana de festividade pois, ás 20.00 horas, a Casa da Aldea de Meiro será a encargada de albergar un coloquio sobre o ensino en Meiro, máis concretamente, acerca da celebración das Letras Galegas na antiga escola, da man de Arturo Sánchez Cidrás. Posteriormente, realizarase a presentación do libro “A sorepa do moañés”, Luís Chapela. A mesma hora realizarase un micro aberto de poesía e actuacións musicais da Agrupación de cantadela de Meiro e Os Palleta Mollada.

Romaría da Ascensión

A semana festiva culminará coa celebración da Romaría da Ascensión 2023, mañá domingo. A Asociación Cultural é a encargada da organización, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Bueu. A misa da Ascensión oficiarase ás 12.45 horas e a procesión irá acompañada polo grupo de gaitas Os Liboreiros. No caso da romaría, será amenizada polo grupo de baile “Pais de San Roque”, as pandereteiras “As Falcatrueiras” e o mesmo grupo de gaitas.

Proxección de “Devolviendo el golpe”

O Ciclo Cinema Galego, organizado polo Cineclub de Bueu, remata as proxeccións o vindeiro venres día 26 de maio co filme “Devolviendo el golpe”. Esta peza audiovisual dirixida polo coruñés, Carlos Prado Pampín, relata a historia de superación do boxeador galego Aarón, coñecido como “The Thunder”, e a da súa nai, Rosa, cuxas vidas foron marcadas pola traxedia. O filme proxectarase ás 21.00 horas no Centro Social do Mar.