A Feira do Viño do Rosal celebra os seus 30 anos de vida con gran número de actividades e nunha contorna renovada. Os días 7, 8 e 9 de outubro a Praza do Calvario acollerá o evento onde os caldos do Rosal maridarán con música, gastronomía ou actividades inclusivas e infantís.

“Trinta anos non se cumpren todos os días. E queremos facelo por todo o grande, cunha morea de actividades para todos os públicos, na renovada Praza do Calvario e retomando esa convivencia que tanto botabamos de menos na pandemia”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández, durante o acto de presentación, que contou coa participación do presidente da Cofradía Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, e de numerosos representantes das adegas e empresas participantes na feira.

Vólvese a unha feira presencial na que a gastronomía e as exposicións tamén se sumarán como elemento esencial e na que se contará de novo cun pregoeiro de altura, o valenciano Pedro Ballesteros, o primeiro español Master of Wine, enxeñeiro agrónomo con mestrado en Viticultura e Enoloxía e unha das persoas que máis saben de viño no mundo. El dará o pistoletazo de saída á feira o venres 7 cunha cata ás 12.30 h e co pregón durante o acto inaugural ás 20.00 h. O concerto de Moon Cresta porá o peche á primeira xornada.

O sábado 8 as casetas abrirán ás 11.30 horas para dar paso ás 12.00 h ao showcooking dos chefs Iván Méndez e Álex Iglesias. Ás 13.30 horas concerto lixeiro con Blues do País e pola tarde os máis pequenos desfrutarán da maxia co Mago Paco. Despois actuarán o grupo de gaitas Airiños do Folón e Broken Peach.

E o domingo 9 o día arranca cos xogos da empatía. Ás 13.00 horas concerto lixeiro das Pandereteiras Tremelique e o broche de ouro da Feira correrá a cargo de Awen, que ofrecerá un concerto a partir das 20.00 horas. O Concello habilitará un servizo de autobús.

A alcaldesa agradeceu a todo o colectivo de adegas “todo o seu esforzo, non só por levar traballando 30 anos na Feira do Viño do Rosal, senón tamén por manter vivo un dos principais sectores económicos do noso municipio”. Pola súa banda, o presidente da confraría enxalzou “o labor de todas e todos os que achegades a vosa axuda para visibilizar o noso traballo e que os nosos veciños e veciñas se sintan orgullosos. Sabemos que os éxitos dos viños do Rosal son éxitos para o territorio e para as persoas que viven nel”.