A musealización do Castelo de Sobroso está rematada e xa pode visitarse. A actuación ascendeu ascende a máis de 260.000 euros que permitiron dotar ao recinto dun equipamento museográfico actual, moi dixital, e potenciar o seu atractivo acorde coas tendencias da demanda turística.

As estancias adecuáronse para poñer en valor os recursos da comarca e ofrecer experiencias a través das tecnoloxías e de producións audiovisuais que recollen, de xeito ameno e entretido, dende os diferentes sucesos históricos que aconteceron en Sobroso ata as historias das personaxes vinculadas ao mesmo.

Este proxecto dotou ao castelo dun percorrido polas súas salas que abranguen sete temáticas: “Sobroso na paisaxe”, “A historia do Castelo e os seus habitantes”, “O castelo, protagonista na Idade Media”, “O castelo, da destrución á recuperación”, que consiste nun “videomapping”, “A construción do Castelo”, “Os seres máxicos e a auga” e “Os castelos, escenario de trobadores”.

O percorrido deseñado, pensado para grupos reducidos de ata 15 persoas, remata co acceso á terraza, situando as e os visitantes na comarca e nos recursos da mesma.

As visitas irán acompañadas dun guía que, mediante unha tableta dixital, activará e desactivará as producións audiovisuais en forma de caixas máxicas, videomapping, xogos de luz e son, que se atopan nas distintas salas do castelo, e elixirá o idioma correspondente á visita (galego, castelán ou inglés). Amais, explicará os detalles históricos e anécdotas do edificio e das persoas que o habitaron, adaptada tanto a visitas escolares cun carácter máis pedagóxico como a público familiar cun carácter máis lúdico.