A reciclaxe foi o denominador común de dúas das últimas actividades organizadas no Porriño para a mocidade. Por unha banda, remataba onte proxecto de murais “O Pintamuros 2.0” a través do cal se decoraron os muros de diferentes colexios e por outra, celebrouse tamén a actividade “Lixo en arte” de sensibilización sobre o consumo de plásticos.

Participantes na actividade “Lixo en Arte”. | // D. P.

A OMIX xunto coa Concellería de Educación do Porriño levaron a cabo ámbalas dúas iniciativas.

O proxecto de murais colaborativos nos centros de ensino realizouse en diferentes xornadas ao longo de todo o mes, dentro do horario lectivo. Elaboráronse murais artísticos duns 15 metros cadrados aproximadamente , con temáticas relacionadas coa reciclaxe, baixo unha metodoloxía que promove a participación activa da mocidade en iniciativas de ocio educativo inclusivo.

Xerar novos espazos para a creación artística que fomenten actitudes creativas e permitan a expresión creativa individual e colectiva; coidar a nosa contorna e humanizala mediante o activismo e a intervención colectiva en proxectos educativos de acción cultural e social; promocionar hábitos saudables e previr condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilizar e loitar contra calquera forma de discriminación, fortalecendo a cohesión social e tomando concienciación a través da participación activa; apoiar a diversidade no ámbito do ocio e promover as prácticas da cultura urbana como hábitos de vida saudables que melloren a calidade de vida da xuventude a nivel corporal, mental e social; alimentar a capacidade artístico-expresiva innata da mocidade a través da súa participación nos obradoiros programados; desenvolver contidos educativos, culturais e sociais variados e interesantes para a mocidade expresados mediante a pintura mural e tamén mellorar a imaxe dos muros dos centros de ensino restaurando e decorando as paredes afectadas por pintadas ou en mal estado de conservación foron os obxectivos cos que se puxo en marcha “O pintamuros 2.0”.

Por outra banda, representantes do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia do Porriño levaron a cabo a actividade “Lixo en arte”. A mocidade uniuse a esta iniciativa proposta por “La liga por la tierra”, grupo de xente nova adherida a Unicef, que consistía en gardar todo o plástico consumido nas súas casas durante uns días, para reflexionar sobre a importancia da reciclaxe e o excesivo consumo de plásticos dun só uso.

Entre todos fixeron una escultura que deixaron nun lugar visible para o resto da poboación, axudando así na concienciación da necesidade de actuar e levar a cabo accións que reduzan a nosa pegada ambiental.

Esta actividade sumada ás que levan realizando dende o pasado mes de setembro, van encamiñadas a reflexionar sobre as posibles propostas de actuación que fagan o vindeiro mes de novembro no pleno municipal que se celebra cada ano para conmemorar o Día Mundial da Infancia.