“Volvemos a sentirnos peregrinos. Facémolo con moita ilusión, con gañas de implicarnos nunha vivencia que cambia a rutina do noso día a día e anima deixando atrás longos meses de restricións”. Así se amosou Luís Eduardo González, usuario do Centro Castro Navás, ao inicio da andaina enmarcada no proxecto “Xacobeo Autismo. Un Camiño de todos”.

Un grupo formado por unha vintena de usuarios e persoal deste centro de Priegue pertencente á Fundación Menela, de atención especializada a persoas con trastorno do espectro do autismo e as súas familias, arrancaron a pasada semana a segunda edición desta iniciativa que os leva dende Nigrán ata Pontevedra. Comezaron no paseo marítimo de Panxón para chegar a Coruxo e dende alí outras cinco etapas máis que os está a levar por Vigo, Teis, Redondela e Arcade, coa previsión de que o vindeiro xoves, día 27, alcancen a cidade do Lérez.

A primeira edición celebrouse en 2019, o ano pasado por mor da pandemia houbo un parón e a intención é que no 2022 poidan chegar a Santiago de Compostela.

“Botaremos de menos a moitos compañeiros de diferentes entidades e centros que si nos puideron acompañar no 2019 no Camiño dende A Guarda a Nigrán e que este ano, por motivos de seguridade sanitaria, non están. Esperámolos coa mirada posta en 2022”, sinalou Luís Eduardo. Do mesmo xeito, alumnado do CEIP Humberto Juanes envioulles un vídeo de ánimo e o grupo segue a recibir recibindo apoios virtuais ao seu paso por cada localidade.

“Desde o Concello de Nigrán estamos encantados de colaborar con esta iniciativa á que xa nos sumamos no 2019 porque estamos plenamente concienciados coas necesidades especiais das persoas con trastorno do espectro autista. Un Camiño accesible cognitivamente é tamén parte do noso programa ‘Un Nigrán para Todos’ no que participa a Fundación Menela, así que estamos moi orgullosos de que Nigrán, na súa variante do Camiño pola costa, fose o punto de partida nesta edición”, sinalaba o alcalde, Juan González, quen, xunto con outros concelleiros, acudiu ao inicio do traxecto en Panxón.

O Concello de Nigrán apoia novamente esta segunda edición mediante unha subvención directa de 4.000 euros.

Accións complementarias

Ao abeiro do programa desenvolveranse outras accións complementarias “que o enriquecen e o enchen de valor”. Así, recoñecerase o labor e a dedicación dos profesionais fronte a crise sanitaria e, adicionalmente, contribuirase na accesibilidade do Camiño Portugués da Costa mediante a sinalización de espazos con pictogramas (albergue de Pazo de Pías na Ramallosa, entre outros.