cultura

A obra de Palacios amósase con dez visitas guiadas teatralizadas

A primeira farase o vindeiro sábado e é preciso anotarse enviando un email

O Templete de San Luís será o punto de partida da ruta.   | // A. H.

O Templete de San Luís será o punto de partida da ruta. | // A. H. / l. c.

l. c.

Antonio Palacios volve ao mundo dos vivos para acompañarnos visitando a súa obra arquitectónica na vila natal do Porriño. A carón del, Corona González, fotógrafa pioneira, mecenas de obras benéficas e moi preocupada pola saúde e a educación. Os dous lévannos por unha viaxe de lembranzas, sentimentos, arquitectura, patrimonio e festa da que todos e todas formamos parte. É así como o Concello do Porriño presenta unha nova iniciativa cultural co gallo da celebración do 75 aniversario do falecemento do arquitecto porriñés.

Levaranse a cabo unha serie de 10 visitas guiadas teatralizadas a través das cales se fará un percorrido polas obras que Palacios realizou no casco urbano da súa vila natal e que son a Botica Nova, a Fonte do Cristo, o propio edificio do Concello e o Templete da Red de San Luis, o cal precisamente foi noticia nas últimas semanas logo de coñecerse que unha empresa local realiza unha réplica exacta que se instalará na estación de metro de Gran Vía en Madrid. O icónico elemento que presidía a entón coñecida como Red de San Luis, foi retirado en 1970;desmontouse e enviouse a Porriño onde permanece, instalado nun parque, ata o día de hoxe.

A primeira visita está programada para o vindeiro sábado, 29 de maio, en horario de mañá. As prazas son limitadas polo que as persoas interesadas en participar dela deben inscribirse previamente (con prazo ata o xoves 27) enviando un correo ao enderezo cultura@oporrino.org co asunto “Inscrición visita teatralizada Antonio Palacios día 29 de maio”, indicando o nome e apelidos do(s) asistente (s) e un número de teléfono de contacto.

O punto de encontro e de inicio da ruta será o templete, diante do cemiterio municipal, ás 12.00 horas. A duración da visita estímase nuns 50 minutos.