Cultura

Mos cos libros

De temática medioambiental en clave de humor, de igualdade, de historia e etnografía e ata chegar ás metáforas. O Concello de Mos organiza neste mes das letras un ciclo de presentación de obras de escritores orixinarios do municipio dándolles un impulso, fomentando a lectura entre a poboación e promocionando así o consumo de cultura local

Miriam C. Leirós.   | // FDV

Miriam C. Leirós. | // FDV / l. costas

l. costas

“Quero ser comunicadora ambiental sen caer no catastrofismo pero animando a facer algo e incorporar hábitos na nosa vida para evitar actos contaminantes. Foi entón cando botei man do sentido do humor, collín os contos clásicos coñecidos por todos e dinlles a volta dende un punto de vista medioambientalista”, explicou Miriam Campos Leirós durante a presentación do seu libro infantil “Los secretos de los cuentos clásicos (Archivos desclasificados)” en Mos. Así, “podemos atoparnos, entre outros personaxes, unha cincenta que chega tarde porque se lle queimaba a crema de cabaza ou unha bela durminte que se quedaba durmida porque estaba toda a noite coa tecnoloxía gastando electricidade e polo día non era quen de si mesma”, comentou no acto que se enmarca no ciclo “Mos coa lectura” que dende o Concello están a levar a cabo neste mes de maio e do que aínda quedan dúas citas por celebrarse.

Javier Baquero.   | // FDV

Javier Baquero. | // FDV / l. costas

Esta mestra, impulsora e coordinadora do colectivo Teachers For Future Spain, fixo a presentación da súa obra na súa parroquia natal, en Petelos, no barrio da Porteliña onde se atopa ademais a biblioteca municipal, lugar elixido para a presentación. A escritora insistiu no feito de que “debemos darnos conta de que todos podemos facer algo polo medio ambiente, todos temos unha pegada medioambiental. Está nas grandes empresas, nos gobernos e tamén en nós mesmos, en cada un dos cidadáns, tomar as medidas para contribuír a un mundo mellor porque ben seguro que ninguén quere que cando se supere a zoonose tiñamos que ter a máscara por temas de contaminación como xa viñan usando en China antes da COVID”, puntualizaba. En definitiva, resumiu a súa obra, “nun libro para entender mellor os problemas do medio ambiente e botemos unhas risas porque todo con humor lévase moito máis sinxelo”.

Beatriz Cabaleiro.   | // FDV

Beatriz Cabaleiro. | // FDV / l. costas

Rosa Montenegro.   | // FDV

Rosa Montenegro. | // FDV / l. costas

Clover é o debut literario desta xornalista e mestra, do que en pouco máis dun mes se esgotou a primeira edición. Cabaleiro describiu a historia como optimista, “quixen escribir unha historia que fixese aos meus alumnos máis empáticos nun momento no que a sociedade está máis limitada e dividida que nunca; a mensaxe da porquiña ao final é que todos somos diferentes pero temos algo que nos iguala”.

Clover é unha porquiña norirlandesa que acaba de chegar ao equipo de baloncesto de Vila Liberdade. As súas manchiñas, coa curiosa forma do trevo, van chamar a atención das súas compañeiras e espertar as súas suspicacias. A historia está inspirada tamén “na nena que eu fun” confesa a autora sinalando que ao longo do libro recóllense moitos detalles que teñen que ver coa súa infancia, de aí que o cualifique como “un proxecto moi íntimo”.

E para os que non puideran acudir o pasado domingo ao Pazo de Mos, terán unha nova oportunidade a vindeira semana, no Porriño, no marco da Feira do Libro, que se celebrará na vila da Louriña do 27 ao 30 de maio, onde a escritora asinará exemplares da súa obra (o sábado ás 13.00 horas), pase que volverá a repetir en Vigo no mes de xullo.

Javier Baquero e Rosa Montenegro protagonizarán os outros dous encontros do ciclo Mos coa lectura. O primeiro farao mañá domingo, ás 11.30 horas, nos exteriores do Local Social de Dornelas. Tras dúas obras previas sobre historia de Mos, o historiador e etnógrafo, veciño desta parroquia, presenta agora un terceiro título co nome de “Aclaraciones históricas del ayer y hoy de Mos”.

Por último Rosa Montenegro presentará no Centro Dotacional de Torroso a súa obra “El yo y sus metáforas”, o vindeiro xoves, 27 de maio, ás 19.00 horas.

Con esta iniciativa desde o Concello de Mos preténdese, segundo explican a alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, “apoiar e impulsar aos escritores locais, que son moitos e moi bos; ao tempo que fomentamos a lectura entre a poboación de todos os rangos de idade e promocionamos o consumo de cultura local. É un orgullo para esta administración local contar cunha veciñanza tan activa a nivel artístico e cultural, neste caso enfocada á creación literaria, o que demostra que somos un pobo inquedo e con iniciativa, algo que debe ser reforzado desde o Concello, de aí que decidiramos organizar este ciclo”.