Preocúpache o cambio climático? Queres asesorar ao Concello para protexer o medio? Apúntate ao Consello Climático Xuvenil. Así é como o Concello da Guarda anima á mocidade a participar desta iniciativa, implicándose directamente nos problemas ambientais do lugar onde viven e na súa resolución.

Trátase do proxecto europeo ‘People & Planet: un destino común’, a través do cal se quere concienciar aos mozos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas públicas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de oito Estados membros e de Cabo Verde.

No marco da Axenda 2030, a través de ‘People & Planet’ os concellos socios do Fondo Galego teñen a oportunidade de implementar numerosas actividades. No caso da Guarda é un dos concellos responsables da actividade Consello Climático Xuvenil, mediante a cal se pretende crear dito consello entre a mocidade activa e preocupada polo medio ambiente da vila.

A implicación directa da mocidade nos problemas ambientais do concello e na súa resolución é chave neste proxecto, polo que neste mes de maio catro municipios porán en marcha cadanseu consello integrado por persoas de entre 15 e 34 anos que asesorarán ao goberno local nesta materia. Persoal especializado encargarase de dinamizar as xuntanzas mensuais, propoñendo un tema de debate e recollendo ideas sobre estilos de vida sostibles. Representantes destes concellos participarán despois nun campamento de mocidade europea en Portugal para elaborar unha guía ao respecto.

No primeiro dos encontros tratarase de reflexionar sobre os estilos de vida individuais e colectivos más sostibles, unindo unha visión local e global e elaborando unha guía na que se concreten propostas.

Froito desta primeira xuntanza, crearase un documento sobre o cal traballarase nun encontro posterior cos restantes consellos dos demais concellos galegos e os resultados presentaranse aos medios de comunicación e aos representantes políticos.

O obxectivo tamén será pór en marcha as propostas que xurdan do traballo no consello climático, no Concello da Guarda.