O testamento de Manuel Camba Bóveda

No 62 aniversario do pasamento do xornalista e escritor vilanovés Julio Camba

Manuel Camba Bóveda.   | // FDV

Manuel Camba Bóveda. | // FDV / Benito Leiro

Benito Leiro

Unha data salientable e axeitada para desvelar outro documento biográfico inédito dos irmáns escritores de Vilamaior. Trátase do testamento de Manuel Camba Bóveda, pai de Francisco e Julio, datado o 16 de marzo de 1919 e verificado ante o daquela notario do partido xudicial de Cambados, Ramón Díaz Ponte. Esta é unha nova aportación documental da familia Pombo que custodiou o legado dos Camba durante seis décadas, antes de doarllo ó Concello de Vilanova.

No documento, escrito a máquina, Camba Bóveda institúe por herdeiros ós seus fillos, “Don Francisco y Don Julio Camba Andreu, por partes iguales”. Noutro parágrafo do texto sulíñase: “lega a su mujer dona Juana Andreu Temes el usufructo vitalicio de todo su capital con relevación de fianza e inventario. Respetando el usufructo”. Isto supoñía que mentres vivise a viúva disporía do usufructo de todos os bens herdados.

En concepto de mellora, o testador “deja a su nieto D. Miguel Camba López, hijo del D. Francisco, el ferrado de tierra que al Sr. otorgante ha dejado su padre, en donde llaman Searas” (parcela situada na actual rúa de A Cerca).

Malia que o testamento non os especifica, os bens testados incluían a casa blasonada de Vilamaior (actual casa museo), unha horta con parra e alpendre, situada a 30 metros da vivenda familiar, así como as leiras Agro das Varelas, en Caleiro, de 4 concas de extensión, e a precitada As Searas, na estrada vella de A Cerca-Vilanova.

Este testamento seguiu en vigor ata febreiro de 1929, cando faleceu a nai dos irmáns escritores, Juana Andreu. Os bens legados pasaron a mans de Francisco e Julio Camba. Posteriormente, xa finado Francisco, o seu fillo Miguel acordou vender a súa parte na herdanza: a metade da casa natal de Vilamaior e horta achegada, por 10.000 pesetas da época, xunto coas anteditas leiras de Caleiro e Vilanova (17.000 pesetas).

Julio Camba tivo que formalizar un xuizo con interdicto para abortar aquelas transaccións. Outorgou un poder notarial ó seu amigo Pastor Pombo Ferro para pleitear na defensa das propiedades alleadas. O xuízo chegou ó Tribunal Supremo, onde se validou a venda dun ferrado da leira As Searas pois correspondera a Miguel Camba por legazón directa do seu avó, Manuel Camba Bóveda. Finalmente, a venda das outras propiedades quedou anulada.

*Benito Leiro, xornalista, biógrafo de Julio Camba e Cronista Oficial de Vilanova de Arousa.

Suscríbete para seguir leyendo