Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Pereka”, a dorna que roza o mito

A embarcación arousá que estreou o palmarés da Copa Mörling suma triunfos na Volta á Arousa e a regata do Bao

"Chica" y Dorado en plena navegación durante una de las regatas de la Copa Mörling Adonis Ríos

Cinco probas e tres victorias e dous segundos postos. Eses foron os datos que acabaron convertendo á “Pereka” na dorna triunfadora de I edición da Copa Mörling, unha iniciativa de Culturmar que, ademáis de lembrar ao etnógrafo sueco Staffan Mörling, trata de dar a conocer e impulsar a navegación en embarcacións tradicionais. Que a “Pereka” se convertise na gran dominadora da Copa non é algo que sorprenda, xa que se trata dunha das embarcacións tradicionais máis laureadas da ría de Arousa desde que comezou a navegar no ano 1998, sendo a segunda do seu nome. Á caña do temón sempre estivo José Antonio Dorado, mentres que como proeiro acostuma a navegar Alberto Vicente “Chica”, con Raquel Zas como suplente en caso de calquera circunstancia que impida a súa presencia. Os dous acostuman a amosar os coñecementos que adquiriron como mariñeiros desde moi novos.

Tanto Dorado como “Chica” comezaron moi noviños no mundo da navegación a vela. Con tan só dez anos “estabamos sempre na praia, enredando cunha gamela e cunha illola, unha especie de lanchiña feita con catro táboas”. Cinco anos despois, ese interese pola navegación levounos a dar o primeiro paso e participar nunha regata de dornas. Despois de practicar na dorna do avó de Dorado, de sete cuartas, cando as normais son de nove, o bautizo en competición chegaría cunha embarcación cedida pola Escola de Navegación Tradicional. “Navegábamos con mariñeiros que sabían moito de velear en dorna, eran todos moi veteranos e chamábannos os ‘rapaciños’ porque eramos os máis novos”.

Aquela experiencia serviríalle a Dorado e Chica para ir fixándose neses mariñeiros, como escollían os ventos e tomaban decisións en plena navegación, unhas ensinanzas que anos despois serían clave para acadar os éxitos que levan sumados. Era o principio dos anos 90 cando comezaron a navegar e no 94 os dous tripulantes da “Pereka” recollían unha dorna que se atopaba tirada en Riasón. “Esta foi a primeira ‘Pereka’ que repararon meu avó e un tío que tiñan ferramentas de carpinteiro e dábaselles ben”. A seguinte foi adquirida no 97 co nome de “Lucha”, a primeira “coa que acadamos resultados, cunha vela nova comezamos a quedar entre os tres primeiros”.

No ano 1998 chegaría a dorna actual, construida, como moitas outras, por Monchito, un carpinteiro da Illa coñecido pola calidade do seu traballo. Foi sobre as cadernas desta “Pereka” que conseguiron vencer en practicamente todas as regatas que se disputan na ría de Arousa. Entre esas victorias destacan sobre todo as seis veces da Volta á Arousa, unha cifra que ningunha dorna superou, e as doce ocasións nas que gañaron a regata do Bao, unha proba na que é clave saber aparellar ben e rápido a dorna, algo no que Chica e Dorado son uns expertos.

Nestes máis de trinta anos sempre foron a parella titular da “Pereka” a excepción dun puñado de ocasións, nas que acudiu Raquel Zas. Ela converteuse este verán na primeira muller que, nas 37 edicións da Volta á Arousa, conseguiu subirse ao máis alto do podio desta proba.

Facerse coa primeira Copa Mörling é algo que Dorado e Chica vén con orgullo, ao entender que se trata dunha proba que pode dar un pulo moi importante á navegación tradicional. “A Copa doulle moita publicidade e tamén foi unha motivación para nós, que nos animou a movernos a lugares como Combarro ou Portonovo para competir, algo que non facíamos antes”.

Reclaman un maior respaldo das institucións


Para o vindeiro ano, a intención é que a “Pereka” se atope na liña de saída da Copa Mörling, un evento que, para Dorado, pode significar un antes e un despois “porque houbo unha gran implicación das institucións para que se levase a cabo”. Dorado agarda que esa implicación continúe á hora de facilitarlle ás embarcacións tradicionais puntos de amarre nos peiraos, como son as Mariñas Tradicionais que vén reclamando Culturmar para convertilas en museos flotantes, onde todo o mundo poida descubrir como eran os barcos que navegaban as rías hai máis dun século. “Son moi necesarias, porque no verán, os barcos, andan un pouco tirados por non ter onde amarrar”, sinala.

Compartir el artículo

stats