Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Posta a punto para os galeóns da Illa

As asociacións aproveitan unha liña de axudas da Deputación para reparar os barcos

Un mariñeiro traballa na reparación do “San Pedro”.

No seu momento foron barcos de carga que percorrían a ría de Arousa dun lado a outro. Despois tiveron que reconverterse en bateeiros e, antes de acabar no desguace, acabaron sendo salvados por diferentes asociacións que se adican a rescatar o patrimonio marítimo da costa galega. Un exemplo na preservación dese patrimonio é A Illa de Arousa, onde existen ou están en proceso de rehabilitación ata cinco galeóns, o que convirte o pequeno municipio en posuidor da flota máis importante desta tipoloxía de embarcacións.

As cinco entidades que están traballando na recuperación deste patrimonio víronse beneficiadas polas axudas que sacou a Deputación para a rehabilitación ou posta a punto destes barcos, sobre todo para meter paus novos e facer reformas que axuden a mellorar a seguridade e a navegación. Un exemplo diso é o colectivo que xestiona o galeón "Komaira", un barco recuperado hai máis dunha década e que grazas á axuda da Deputación vai poder meter un pau novo e cambiar as casetas onde xa se filtraba auga, así como cambiar cadernas que xa estaban apodrecendo. O “Komaira” atópase nun estaleiro do Facho facendo esas actuación, o mesmo estaleiro onde se atopa o “San Pedro”, outro galeón que se atopa case listo para regresar ao mar despois de mercar o pau e as velas a través desta liña de axudas.

O “Komaira atópase en reparación nun estaleiro do Facho, en Cambados. Iñaki Abella

Mentres, o “Caramuxo” atópase en Vilanova e a asociación que o xestiona recibiu unha axuda clave para a montaxe do motor, a liña de eixos e para toda a arboladura. O barco leva cinco anos en proceso de rehabilitación despois de que un grupo de mozos conseguise a súa donación, evitando que acabase no desguace. A flota da Arousa complétase con outros dous referentes da navegación tradicional na ría de Arousa: “O Rei do Mar” e o “Adelino e Manuel”, máis coñecido co nome de “Presioso”.

Sen Mariña Tradicional na Illa

Cinco embarcacións de gran porte que son o exemplo vivinte de séculos de navegación na ría de Arousa e que non teñen un lugar adecuado onde amarrar cando non se atopan en terra ou navegando. A Illa segue agardando por unha Mariña Tradicional que preste servizo a estas embarcacións e a toda a flota de barcos de diferentes tipoloxías que existe nese porto. Grazas á implicación da asociación cultural e deportiva Dorna e de outros colectivos, A Illa ten máis de medio cento de dornas, dornas de tope, xeiteiras, e outras tipoloxías que non teñen onde amarrar para protexerse de temporais. “O Rei do Mar”, de feito, ten que amarrar a un morto na entrada do porto do Xufre. O presidente de Dorna, Salvador Allo, facía onte a comparación co que ocorre noutros puntos da xeografía ibérica, como son as baleares ou Cataluña, onde “existen zonas adicadas ás embarcacións tradicionais grazas as administracións autonómicas, mentres aquí temos que andar mendigando un lugar onde amarrar sen que nos cobren”. Insiste Allo en que “As Mariñas Tradicionais son fundamentais para protexer e pór en valor a riqueza que termos nos nosos mares, pero da a sensación que Portos non acaba de velo, pese a que levamos anos dicíndollo”.

Compartir el artículo

stats