A homenaxe máis sentida de Vari Caramés

O fotógrafo galego presenta “Bosque animado”, o seu novo libro, onde retrata a Fraga de Cecebre e lembra a súa muller finada

Vari Caramés (1d), na presentación do novo libro no MARCO.  | // J. LORES

Vari Caramés (1d), na presentación do novo libro no MARCO. | // J. LORES / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Vari Caramés, un dos creadores de fotografía de autor máis destacados de Galicia, achegouse onte á Vigo para presentar o seu novo libro, “Bosque animado”. Fíxoo no MARCO e un pouco antes conversaba sobre a obra. “O punto de partida –lembraba o artista– foi que Ángeles, a miña muller, morreu hai cinco anos. Ela pintaba, era moi creativa. Eu dicíalle que tiñamos que facer unha exposición xuntos”. O pudor dela fixo que ao final non se materializara o proxecto en vida.

“Quedoume na cabeza ese soño; deille moitas voltas”, confesa o autor ata que un día no seu obradoiro remexando cousas atopou un cartafol co título de “Bosque animado”. Dentro, gardaba fotos dun día de paseo da parella pola Fraga de Cecebre.

“Ela fixera unha serie chamada ‘Bosque’ e eu quixen facerlle unha chiscadela con esta homenaxe na que ela está presente. Houbo unha exposición das súas acuarelas e das miñas fotografías na Galería 30 en Compostela inda que o libro presenta só 12 fotos realizadas por min e unha acuarela dela que serve de capa e contraportada”, explica Vari Caramés.

Recoñece que a peza elixida dela é “curiosa” polo modus operandi ao realizala: Ángeles Sales –a súa muller– abrazaba as árbores con papeis que frotaba aos troncos. Despois, pintábaas con acuarela.

Destaca Caramés que “Bosque animado” é un libriño de fotos e poemas que preserva un paseo polo bosque para deixar patente a “maxia” da natureza, o seu “frescor”, con todas as imaxes captadas e reveladas no sistema analóxico.

A última imaxe do libro presenta a figura da propia Ángeles. O autor recalca que “esta é unha homenaxe a ela”.

Vari non estivo só na presentación. Acompañárono en Vigo o director do MARCO, Miguel Fernández Cid; e Cibrán Rico máis Xesús Vázquez, ambos os dous da firma Fabulatorio, a marca encargada do deseño da obra.