A poesía escénica, un novo modo de expresión

A poeta viguesa Nuria Vil, a coruñesa Yolanda Castaño e o músico vigués Isaac Garabatos, reinan na Biblioteca do Gaiás en Escenas do Cambio

Nuria Vil, en “Poescénicas”.   | // ROCÍO CIBES

Nuria Vil, en “Poescénicas”. | // ROCÍO CIBES / mar mato

mar mato

Vigo perdeu moito coa desaparición do Alt, o festival que a viguesa Lola Correa enxendreu e nutriu para que medrara na cidade olívica e que agora está extinto por falta de apoios. Cada ano volve esta idea á mente ao ver a programación de Escenas do Cambio, o certame que ela dirixe para a Cidade da Cultura. Nun dos eventos culturais de onte volveu acertar ao levar a poesía galega á escena. Chamouse “Poescénicas” e consistiu nun percorrido por espazos alternativos e periféricos da Biblioteca do Gaiás da man de poetas, músicos e artistas visuais.

Por suposto, houbo presenza viguesa. Silvia Penas –coñecida polo proxecto Cinta Adhesiva– coa súa guitarra eléctrica e percusión en directo, declamou versos lembrando como os cabelos femininos teñen sido ou son branco dos acontecementos históricos. Claro exemplo: as rapadas do franquismo e as mulleres de Irán.

Escenas do Cambio. Poescénicas con Yolanda Castaño e Isaac Garabatos.

Escenas do Cambio. Poescénicas con Yolanda Castaño e Isaac Garabatos. / ROCIO CIBES

Outra viguesa, a poeta Nuria Vil presentou “espazo a vulnerar”, coa creadora audiovisual de Vilalba Iria Silvosa.

“Iria construíu os audiovisuais analóxicos en directo. Foi un diálogo entre palabra falada, a música de Morlitam (Olga Martínez) e a imaxe”, explicaba Vil.

“O tema –engadiu– era a vulnerabilidade. Iria xeraba un circuito pechado de imaxe. Grava unha televisión de tubo e o que se proxecta é o resultado dun erro da imaxe. É impredicible. O meu texto bebe das ideas do erro e dialoga con esa proxección coa idea da construción de identidade”. O vestiario que levou a poeta, de Lora González, estaba baseado na peza.

Tamén Vil compuxo novos versos para a obra pensando no espazo que escolleu para o percorrido. No seu caso, unha mole de cemento que vén sendo o túnel de descarga de material na parte baixa da biblioteca.

Escenas do Cambio. Poescénicas con Nuria Vil

Escenas do Cambio. Poescénicas con Nuria Vil / ROCIO CIBES

“Vimos –sinalou a autora– o contraste entre a vulnerabilidade de falar da identidade e un espazo industrial”, frío, mesmo aséptico.

Outra presenza viguesa foi a do músico Isaac Garabatos que acompañou á poeta Yolanda Castaño. No seu caso, o lugar seleccionado foi “a vitrina da biblioteca detrás da cal se vían libros. Quedaba cun aspecto de escaparate”, explica Castaño.

Ambos os dous puxeron en escena o seu proxecto “Idioma da tinta” con composicións de Garabatos preparadas ex profeso para os poemas de Yolanda.

“Interpretamos tres dos nosos temas: ‘Listen and repeat: un paxaro, unha barba’; ‘Logopedia’ e ‘Mazás do xardín de Tolstoi’. Puxemos o acento na parte máis escénica na interpretación dos poemas”, detallou Castaño quen engadiu que son tres composicións pensadas para ser interpetadas diante de libros. Para un percorrido pola Biblioteca do Gaiás resultaba acaído porque os eixos temáticos eran a lingua, as palabras e o desprazamento”.

Outras pezas foron “Tornasol”, de Nieves Neira coa música de Rafael Mallo e “Placa.Clo Plas”, de Xiana Arias máis Berio Molina.

Escenas do Cambio. Poescénicas con Silvia Penas.

Escenas do Cambio. Poescénicas con Silvia Penas. / ROCIO CIBES