Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Silvia Penas Poeta

Silvia Penas: "O público estase habituando a consumir poesía e hai un agromar moi interesante entre a poesía nova en Galicia"

A autora viguesa aborda os cambios que está atravesando este xénero literario con motivo do Día Mundial da Poesía

A poeta Silvia Penas durante un recital. FdV

Nada en Vigo en 1980, Silvia Penas é unha das voces máis recoñecidas no marco da poesía escénica da cidade olívica. Dende o ano 2005 vén acumulando importantes premios e ten publicados os poemarios As uñas crecen (2014), Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores (2016) e Fronteira paraíso (2019), ademais de participar nas obras colectivas Biografía da multitude (2009) e 150 Cantares para Rosalía de Castro (2015). Nunha ocasión, Penas afirmou que "a poesía é unha clase de perseveranza sobre o terreo queimado, a confianza en que, en lugar de que volva arder, alume",

-Como chega a poesía á súa vida e cando comeza a escribir as súas propias composicións?

O primeiro que escribín foi unha unha panxoliña de Nadal para a revista da escola en segundo de Primaria. Máis adiante lembro nitidamente un poema cun debuxo que había nun libro de texto na casa da miña avoa en Sober; aprendín de memoria aquelas liñas que se cortaban na metade da folla e ao pronuncialas a miña voz parecía cobrar outra textura, máis carnosa, máis intensa. Na adolescencia merquei un libro pequeniño de quiosco de poemas de Safo, despois veu todo o demais. Comecei a escribir, á parte dos versos escolares, na facultade, rodeada de xente que escribía moito mellor ca min.

-Como describiría a súa poesía e cales son as súas fontes de inspiración?

Describir a poesía dunha mesma é unha tarefa imposible. Destacaría talvez que escribo coa voz, co son, persigo sempre un rastro sonoro que me vai guiando na escrita e que na miña cabeza parece saber onde quere chegar. A inspiración habitualmente provén dun desequilibrio ou dunha incomprensión que preciso desentrañar, coma se as palabras tivesen o poder de ordenar a realidade sen que a conciencia o faga previamente. É habitual que entenda o poema minutos despois de escribilo, e a idea de onde parte ou sobre a que pretende reflexionar, días ou meses máis tarde.

-Cales son os seus principais referentes?

Referentes teño motísimos, desde as amigas coas que comecei. Elvira Ribeiro, Oriana Méndez, Isaac Xubín, Xabier Xil Xardón…, ou mestras como Anxo Angueira, Chus Pato, Olga Novo, María do Cebreiro ou Emma Pedreira, por citar algunhas de aquí ás que sigo de cerca. Tamén na literatura portuguesa, desde clásicas como Sophia de Mello ou Natalia Correia ata Judite Canha Fernandes, Filipa Leal, Gonçalo M. Tavares. Voces todas estas moi diversas e interesantes. Na mesa de noite están tamén Anne Carson, Alejandra Pizarnik, Raúl Zurita, Clarice Linspector…

No terreo do recitado, spoken word, ou proxectos de poesía escénica sempre me interesou moito o traballo de Antón Lopo, de María Lado e Lucía Aldao, Iolanda Zúñiga ou do asturiano Pablo Suárez. O ano pasado, en Brieva (Segovia) vin por primeira vez en directo a Juan Carlos Mestre e quedei impresionada. Todos eles/as son tamén grandes poetas para gozar lendo no papel, que quede iso claro. Tendemos a establecer os referentes dun modo cronolóxico, e situar nese papel ás que nos precederon, pero hai voces e iniciativas que xorden na metade do noso camiño, máis novas e frescas, que tamén nos guían, ou cando menos, nos fan reconsiderar a ruta. Agora mesmo hai un agromar moi interesante entre a poesía nova en Galicia.

-Diría que na actualidade o xénero poético está vivindo un rexurdir ou nunca deixou de ter os seus fieis?

Diría que cada vez é máis difícil trazar liñas entre os xéneros. A poesía, en concreto, ten unha grande capacidade de ser permeable, isto permítelle atravesar e ser atravesada por moitas formas artísticas distintas e parecidas a ela. É certo que houbo momentos na historia máis proclives ás grandes narracións e ao achegamento á literatura a través da razón. Na actualidade quizais non precisamos tanto desa ollada logocéntrica que todo o explica e o argumenta dun xeito supostamente lóxico. A poesía opera con outros usos da linguaxe, que non sempre pasan pola razón, e que son subversivos en si mesmos, porque dan lugar a outras posibilidades máis alá do universo coñecido e que segue unha orde establecida. A intensidade e a fragmentación están de noraboa hoxe en día.

-Dada a súa traxectoria, que consello daría a alguén que estea comezando a escribir poesía?

Que lea e coñeza todo o que poida. Despois de ir afondando nas diferentes voces, queda un eco do que sería a propia voz, e un criterio tamén propio que permite unha autoesixencia baseada no coñecemento que nos fai avanzar. No meu caso, eu creo que aínda non atopei a propia voz, espero que exista. Sigo buscando.

-Cre que na sociedade actual aínda quedan prexuízos e barreiras cara a este xénero ou xa se derrubaron?

As barreiras, no fondo, alzámolas para protexernos. Por unha banda, segue habendo certa reticencia cara á poesía, quizais polo xeito en que tradicionalmente se abordou esta materia desde o ensino regrado, que moitas veces nos situaba a palabra poética como algo difícil, denso, aburrido. Tamén influíron neste distanciamento as torres desde as que os poetas, en ocasións, se colocaron a declamar.

No terreo da poesía diría que levantamos máis ca barreiras, barricadas, desde o noso propio campo. Tendemos a reunirnos en pequenos grupos de poetas coas que nos identificamos e considerar ese grupo como lexitimado para soster o estandarte da poesía, excluíndo ás veces outras formas de facer. Porén, esa exclusión é só unha primeira reticencia, creo que a fin de contas, convivimos con alegría e que o público estase habituando a consumir poesía. Os recitais volven ser un reclamo na programación cultural e iso é moi positivo. Nestes tempos de inmediatez e individualismo que corren, conseguir manter un público durante moitos minutos, ou incluso horas, atendendo a unha lectura ou interpretación de poesía, é un acto comunitario moi fermoso e case diría heroico.

-Cre que as redes sociais son unha boa plataforma para difundir a poesía ou ás veces pode intoxicarse ao público co que realmente non o é?

Máis alá das canles que se utilicen para difundila, a poesía opera por si soa. Un bo poema é un bo poema, accedamos a el a través do oído, do papel ou dunha pantalla. Quizais o que ás veces sucede coas redes sociais é que a linguaxe publicitaria, o slogan, a consigna, están sempre a punto, e propicia que poidamos confundir códigos. Pero non teño claro que iso sexa negativo en si mesmo, temos dereito a errar no sentido de fallar e no sentido de camiñar sen rumbo. Co tempo veremos con perspectiva se as redes sociais influíron nocivamente ou non, polo momento, aí están, servindo de soporte que permite tamén coñecer voces que quizais doutro modo non coñeceriamos por diversos motivos.

Compartir el artículo

stats