Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A pulsión poética de Galicia

A violencia de xénero, a familia, o naufraxio no mar e o mundo interior marcan o temario dos últimos debuts nos versos galegos

A viguesa Nuria Vilán. | // XOÁN ÁLVAREZ

Dixen non algunhas veces outras calei

tampouco me explicaron que o silencio fose consentimento.

Estes versos da opera prima de Nuria Vilán Prado pertencen a “Simún” , unha das últimas xoias poéticas publicadas recentemente en Galicia. Na véspera do Día da Poesía, falamos coa autora viguesa; coa tamén creadora olívica Paula Luís (“Dendrita”) , así como co gardés Joaquín Cadilla (“Palabras como corpos prata”) e co cangués Pablo Otero “Darbo. Réquiem”). Os catro son autores noveis de poesía. Que lles move a escribir versos? Foilles doado publicar o seu primeiro libro? Que lles ofrece a poesía? Que temas lles apaixoan e por que?

Nuria Vilán Prado, en Compostela. XOAN ALVAREZ

“Simún (Chan da Pólvora) –explica Nuria Vilán– foi unha idea do editor, Antón Lopo. Refírese a un vento que sopra no deserto de Arabia, Xordania, tamén no Sáhara. É unha especie de tormenta do deserto con temperaturas moi altas, de 50 graos. Resume o que acontece no libro e a parte do libro titulada ‘Declaro deserto’ que ofrece a sensación de treboada quente e asfixiante” e que “entre liñas leva moita violencia”.

Ese trebón amosa a “ansiedade” da autora e ten “como trasfondo un proceso de denuncia a un profesor da Universidade de Santiago. (...) A voz poética explica que o deserto chega polo cansanzo do sistema de violencia patriarcal no que vivimos. É moi complexo desfacer o entramado de violencia”.

Neste lugar

hai unha certa violencia na forma de articular

a palabra

verdade.

"Simún", Nuria Vilán Prado

“Se pensamos nos casos máis mediáticos de violencia contra a muller o que sempre a rodea é a idea de verdade, que inventas. O foco sempre se pon en quen denuncia. Prevalece a presunción de inocencia pero non hai presunción de verdade”, reflexiona a autora, coñecida no Twitter como Nuria Vil e 50% do proxecto de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro xunto a Vanessa Glemsel.

Fai fincapé en que “xa o cantou Rosalía en ‘A xustiza pola man’, un poema durísimo e que conecta co meu poema ‘Cartografía da vinganza’ que expresa que a xustiza non nos vale e ao final temos que facela nós. ‘Declaro deserto’ é unha forma de facerme xustiza porque non valeu para min. Vale máis a denuncia artística, por desgraza, que outra denuncia doutro tipo. Con isto, non quero dicir que non se denuncie, pero son procesos que desgastan e cansan”.

Xunto á violencia contra a muller, “Simún” tamén fala da familia na primeira parte, bautizada, “Boto en falta ir de rave”. Sobre este poemario dentro do poemario, ao estilo matrioska de versos, Vilán detalla que “é como unha illa suspendida no tempo, unha boliña de neve, do que foi a miña infancia, a violencia, de como estruturamos a fala. O falecemento da miña avoa foi unha catarse. Eu son Nuria a recitadora e a primeira persoa que me chamou recitadora foi a miña avoa. Grazas a ela descubrín que está como epígrafe no IAE, que recitadora é unha profesión”.

O libro xoga coa nostalxia de que non todo tempo pasado foi mellor. Meu loito é un descampado á luz do día. “Ese verso resume moi ben cando lle quitas a maxia á rave ao encender a luz e ver o sol. Entón, quizais te atopes nun descampado no que non hai nada. Foi como me sentín eu ao enfrontarme á morte: como unha rave cando encendes as luces”.

Capa de "Simún". M.M.

Tamén hai reflexión poética sobre o desprezo cara ser muller. Historicamente está normalizada a violencia. Esas voces femininas no libro son vingativas, asasinas, teñen unha maldade que o libro non xulga. É unha forma de expresar, de empatizar. Eu nos recitais quero empatizar violentamente. Quere conectar desesperadamente a miña poesía”, opina Vilán.

Esta autora lembra que levaba “moito tempo” dedicándose á poesía oral e aos recitais. “O libro, para min, confesa, foi un experimento. Foi curioso escribilo porque foi atopar a miña voz no papel. Eu tiña unha voz oral inda que lembro escribir dende sempre”.

Recoñece que se sente “privilexiada” con publicar o libro. “O editor, Antón Lopo, abriume as portas da editora. Dixérame que me publicaría algo cando eu quixera. É unha sorte porque puiden facer o que me apeteceu. Sentino como un xogo, como unha exploración, como unha forma de plasmar a oralidade na escrita”.

 Na conversa chama a atención unha reflexión: “O que pasa é que nunca me vin como escritora. Non tiña referentes de escritoras en xeral. Eu estudei Filoloxía na Universidade de Vigo e parte do profesorado daba asignaturas onde había mulleres escritoras pero, en xeral, o currículo escolar está formado por autores homes”.

Se Nuria Vilán Prado leva dende nena compoñendo versos, a tamén viguesa Paula Luis –de 40 anos de idade– recoñece que comezou “hai moi pouco, hai cinco anos. Quixen aprender sobre a técnica e fixen un obradoiro de escrita con Apiario.

Meses atrás, publicaba “Dendrita” (Chan da Pólvora). A escolla do título obedece a que esa palabra “ten moito que ver coa construción do pensamento”.

A DIFERENZA entre min e min mesma

entre o que percibo e o que creo ver,

é unha cólera contida na casca.

"Dendrita", Paula Luís.

A viguesa Paula Luís. | // P.L.

Paula Luís recoñece estar interesada na neuroloxía. “Todo o poemario ten que ver con como construímos a identidade a partir das palabras e o pensamento e como podemos modificalo”, explica para recoñecer que a voz no poemario é a dela mesma e non personaxes ficticios pensados para el.

“O poemario ten que ver comigo mesma. Son pensamentos que xorden da miña vivencia inda que ao final sempre estamos interpretando personaxes mesmo na vida real e polo tanto hai cousas inventadas pero a esencia son eu mesma”, engade unha persoa para quen a escrita é nun poema

RESPIRO este ar,

e tamén o seguinte.

Moverse cara adiante

e describir a emoción

da caída.

Respecto da obertura do poemario (Eu non son chama/ Nós somos incendio) a autora explica que ten que ver sobre como construímos a identidade “se a partir do eu ou do nós. A identidade non é unha cousa persoal só”.

Ao igual que en “Simún”, Paula Luís –opositora e traballadora do agro oriúnda de Pardavila en Vigo pero que vive agora en Santa Comba (A Coruña)– tamén quere loitar contra a inxustiza ao tempo ao tempo que propón unha paz sen ataduras e chama a atención sobre a versión da historia que nos ofrecen:

A HISTORIA verdadeira será unha verdadeira historia cando se conte.

Sobre a felicidade, advirte, esta é unha desas palabras que de tan manidas que están perden sentido. É o que di nos seus obradoiros Dores Tembrás”.

O autor Pablo Otero, na praia de Vilariño, en Cangas. | // Gonzalo Núñez

No caso do cangués e ilustrador PabloOtero, “Darbo. Réquiem” (Apiario) é o seu primeiro libro de poesía para adultos despois do volumen dirixido para nenos e editado por Kalandraka, “Parece unha formiga”. No caso de “Darbo”, que comeza con:

Son de novo.

Arrastrado á luz, entregado a ela como unha ofrenda

A forma esgotada dentro dunha forma nova

Mesmo o contrario, non sei.

Son?

Tal vez unha partícula na historia da electricidade e o desexo

Da escuridade á escuridade, nesta beira.

"Darbo. Requiem", de Pablo Otero.

Otero lembra que o poemario “xurdiu no ano 2000. Fixen un texto relacionado co réquiem cun coro de voces que percorría unha vila facéndose preguntas; pero non me gustou como quedou. Destruíno pero esa idea quedou machacándome a cabeza. Cando foi o confinamento decidín sacar esa historia adiante. Ofrecinllo a Apiario e gustoulle”.

Ao longo das páxinas, a luz e o cuarzo son protagonistas. “Son recordos de cativo con preguntas sobre a luz, sobre o paso por este lugar. Todo o texto parte dunha pregunta insistente, onde vai a luz?”, sinala Otero. A onde vai a deriva?/ As augas pasan, o río queda recolle a aobra.

 Declara Otero que non busca respostas, xa que “ás veces é máis interesante seguir enredando con preguntas xa que ás veces as respostas non son satisfactorias”.

 

A olívica Paula Luís. | // P.L.

Finalmente, da vivencia persoal nutre a súa poesía Joaquín Cadilla, de A Guarda, autor novel con “Palabras como corpos prata”. “Este libro foi editado por ORPAGU, palangreiros de A Guarda, polo 25 aniversario. Foi unha sorpresa para min porque non tiña nin idea. Dende que levo no mar, levo sempre escribindo textos a través do Diario de a bordo con Dores Tembrás nun obradoiro de poesía de Apiario”, rememora o poeta, mariñeiro e armador.

“Os meus compañeiros da asociación enganáronme. Se soubera que me pedían os poemas para publicalos igual non llos tería entregado. En teoría ían montar un blog en ORPAGU. Cando cheguei á terra [tras enlazar dúas mareas no Atlántico Sur] vin que o blog non se publicara e na comida do 25 aniversario déronme a sorpresa: unha publicación non venal. Foi incrible”, é dicir, non destinada á venda.

Os poemas presentan unha gran conexión co mar pero tamén coa familia. “Están todos cheos do salitre, do mar e da infancia. Calquera das mulleres da Mariña de A Guarda están presentes a través das avoas, nais e fillas ás que escribo nos versos. Está moi presente en todo o momento a distancia e as penélopes. Son as heroínas de verdade da odisea, da pesca”, prosegue.

Para Cadilla, coñecido na Guarda polo alcume familiar Balu, é o poema “Norte (000º). Gardería) un dos seus preferidos. Nel escribe como “estou co meu irmán na chabola mentres elas están agardando o que pasa no mar coa espera e a incertidume”.

Pero sen dúbida se hai un poema que corroe é “O Velasco” no recordo daquel barco gardés que o 17 de nadal de 1989 se afundía preto das Azores con 11 homes cuxos corpos nunca apareceron:

agardar en van

polo buque insignia

revirou

nin siquera

corpos amolecidos

zozobra

só afundirse

pirámide sen alent

custodio

dun sepulcro anegado.

Fragmento de "O Velasco", poema de "Palabras como corpos prata", de Joaquín Cadilla.

Cadilla fala dun texto no que ata o silencio entre versos doe: “Foi un poema duro de escribir. Lembra o que aconteceu agora co Villa de Pitanxo. O naufraxio do Velasco colleume a min a bordo vindo de Ecuador e marcou a este pobo para sempre. Tiña na tripulación un home que tiña o seu cuñado no Velasco e foi duro dicirllo. Ese texto foi escrito para falar da esperanza e de como se vai perdendo. Primeiro, tes a esperanza de sobrevir ao temporal; cando non se sabe nada deles, a esperanza de atopalos vivos nas balsas; e despois a esperanza de encontrar os corpos e nin iso e que é o que está a pasar agora mesmo”.

Para este autor a poesía obrígalle a reflexionar ao tempo que está convencido de que tamén “a ser mellor persoa”. A presentación do seu debut será en abril na Guarda, seguramente o día 26, con recital no que agarda contar con familiares dos mariñeiros do Velasco, redeiras e outras mulleres do mar, protagonistas dos seus poemas. A venda do libro será doado á asociación Velaíña que atende a persoas con doenzas mentais.

Compartir el artículo

stats