O cinema de autor galego colle butaca no estranxeiro

“O Corno” proxéctase en cinemas de Francia e Bélxica; “Matria” chegou ás salas de Portugal este mes e espectadores de máis de 20 países experimentarán “Samsara”

“Samsara”, de Lois Patiño, convida a pechar os ollos na súa metraxe.   | // SEÑORYSEÑORA

“Samsara”, de Lois Patiño, convida a pechar os ollos na súa metraxe. | // SEÑORYSEÑORA / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

No arranque deste mes de maio, o Diário de Notícias, un dos xornais máis lidos en Portugal, dedicaba unha páxina completa a entrevistar o director vigués Álvaro Gago pola chegada aos cinemas lusos de “Matriabaixo o título “Álvaro Gago: Um humanista ao serviço do cinema”. As primeiras proxeccións deste filme dunha empregada galega na precariedade non podían ter unha data máis acaída: o primeiro de maio, día da clase traballadora.

O realizador galego –novo membro da Academia Europea do Cinema– recoñecía no seu Facebook a súa “ilusión” por ver o seu fillo de celuloide chegar ás grandes pantallas do país veciño, ao tempo que celebraba estes días os dous premios recollidos en Alxeria, no Annaba Mediterranean Film Festival: a mellor actriz (María Vázquez) e o Golden Gazelle (gran premio) ao filme.

Tamén en Portugal este mes pode verse nalgunhas salas –como o Cinema Trindade do Porto–O corno” de Jaione Camborda que alén do Miño leva o título de “O corno do centeio”.

A película tamén tivo que mudar un pouquiño o seu nome no mercado francés e belga onde o chamamento para vela nos cinemas está a se facer baixo “O corno: une histoire de femmes” (unha historia de mulleres).Esa segunda parte do título non é de balde. Nalgunhas proxeccións se engade un coloquio con colectivos feministas para facer entender a historia e conectala co presente: coas ameazas e realidades de querer mandar nos corpos das mulleres hoxe en día.

Jaione Camborda, nun dos momentos do filme.

Jaione Camborda, nun dos momentos do filme. / Amador Lorenzo

Ambos filmes son dous exemplos de películas de cinema de autor galego que están a reservar butaca nas salas comerciais no estranxeiro. Pode interpretarse, con cautela, como unha demostración máis da internacionalización do celuloide patrio que tivo un grande empurrón alén das nosas fronteiras con “O que arde” de Oliver Laxe.

A pegada galega no cinema de autor do mundo tamén está presente en “Samsara”, do vigués Lois Patiño, se ben esta película non se pode considerar plenamente galega xa que non figura ningunha empresa galega na produción nin as mans e mentes galegas copan o 50% dos postos técnicos.

María Vázquez, en “Matria”, que vén de ser premiada en Alxeria.   | // AVALON

María Vázquez, en “Matria”, que vén de ser premiada en Alxeria. | // AVALON / mar mato

A súa proposta experimental que nos leva a Laos ante o leito de morte dunha muller que na segunda parte da película se reencarnará en Zanzíbar, está a cautivar a espectadores de máis de 20 países. Sen dúbida a fotografía, a historia e a singular idea de convidar ao espectador a percibir o filme cos ollos tapados no ecuador da proxección empurran este proxecto.

“Samsara” –disponible en Filmin onde nos primeiros cinco días acumulaba 20.000 visisionados– estréase este mes de maio nos cinemas de Italia e Bélxica.

A película xa pasou polas grandes pantallas de Holanda onde foi vista por máis de 15.000 espectadores mentres que en Reino Unido logrou uns 9.000, segundo os datos facilitados polo propio Lois Patiño a este diario.

O realizador detalla que “polo xeral está logrando uns 10.000 espectadores en cada país” agás en “Lituania, un país pequeno, [pouco máis que Galicia con 3,4 millóns de habitantes] onde rexistrou uns 3.500 espectadores que é como o equivalente a 10.000 en España”. Nesta, precisamente, anotou 10.540 persoas que viron “Samsara”.

A produtora do filme engadiu que a película tamén chegou aos cinemas de Albania, Bosnia, Croacia, Kosovo, Macedonia, Montenegro, Serbia, Eslovenia, Hungría, Irlanda, Malta, Brasil (máis de 5.000 espectadores ata finais de abril) e Taiwán.Neste mes de maio, está por chegar a Bélxica, Luxemburgo, Italia e Polonia, de momento.

Patiño –que ultima a súa nova longametraxe “Ariel”, rodada entre Azores e Galicia– apunta que “‘Samsara’ non foi unha película pensada para chegar a moito público pero logrouno de maneira sorprendente. Motivábame explorar a linguaxe cinematográfica e chegar a lugares innovadores. Deulle valor ás salas de cinema coa experiencia de vela cos ollos pechados durante un tempo. Iso atrae porque ofrece unha experiencia única na sala de cine. Algunha xente foi dúas ou tres veces vela. Incluso traballadores da taquilla me dixeron que foron persoas cegas”.

Suscríbete para seguir leyendo