A Real Academia Galega estrea unha serie web sobre Luísa Villalta

Máis dunha vintena de voces percorren a vida e a obra da autora á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2024

A serie xa está dispoñible na páxina da RAG.

A serie xa está dispoñible na páxina da RAG. / RAG

Adriana Quesada

A Real Academia Galega estreou na súa canle de Youtube e en academia.gal "Luísa Villalta: a rebelión da palabra", a serie web sobre a autora á que lle dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas. O documental, dirixido por Damián Varela Pastrana, consta de seis episodios nos que máis dunha vintena de voces trazan un retrato coral sobre a poeta, narradora, ensaísta e articulista coruñesa, unha creadora que - coinciden os entrevistados- cultivou a escoita para entender o mundo e concibiu a literatura como unha forma de transformalo a través da emoción.

“A literatura sempre é unha actitude política porque sempre é comunicación. E como sempre é comunicación, quere, desexa conmover, e todo o que conmove transforma”, expresa a propia Villalta (A Coruña, 1957-2004) nun dos materiais do arquivo da CRTVG que incorpora a produción.

A RAG confiou un ano máis en Miramemira –produtora de "O que arde" e de "O corno"– a realización do documental sobre a figura protagonista da gran festa da cultura galega. A cuarta serie das Letras Galegas da Academia (a primeira foi a do Ano Xela Arias) “é seguramente a produción máis ambiciosa, cun marcado ton autoral e artístico, moi acorde coa figura homenaxeada”, valora o presidente.

Xunto aos testemuños recollidos, a narración –con guión de Alba Álvarez López– compleméntase coas contribucións artísticas doutros profesionais do ámbito da poesía, a música e as artes escénicas que a arrequecen con recitados, música, danza e mesmo unha adaptación dunha das obras teatrais da escritora, "Os dóces anos da guerra (2001)". Todos estes elementos contribúen a crear unha atmosfera que recrea “un achegamento á filosofía ou forma de ver a vida de Luísa Villalta”, expresa Damián Varela Pastrana. O proxecto levouse a cabo co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Son en total case dúas horas de cinema documental que arrincan da man da irmá de Luísa Villalta, Susana, e a súa nai, María Gómez, e que avanzan cos testemuños de amizades e voces da cultura como Pilar Pallarés, Eva Veiga, Xurxo Souto, Miguel Anxo Fernán-Vello ou as académicas Ana Romaní e Margarita Ledo Andión.

No derradeiro episodio intervén Maribel Longueira, a fotógrafa coa que Villalta concibira o poemario "Papagaio (2006)", unha denuncia da explotación sexual das mulleres e da especulación urbanística arredor do barrio coruñés do mesmo nome. “Luísa anticípase aquí a unha poesía que se vai facer despois, dentro do movemento feminista, e amósalle ao público unha realidade oculta”, expresa Francisco Fernández Naval, autor do prólogo deste volume, saído do prelo dous anos despois do pasamento de Villalta.