Entrevista | Xulio Teixeira Avogado e escritor

“Toda novela ten que ter un toque de humor”

“Escribín ‘As vidas do río’ nun período moi breve, cando estivemos confinados”

Xulio Teixeira.

Xulio Teixeira. / Cedida

M. González

M. González

Intriga, tensión policial e humor son os ingredientes da estrea na novela negra do avogado e profesor de Dereito da Universidade de Vigo Xulio Teixeira Rodríguez (O Porriño, 1968), que publica “As vidas do río”, editada por Galaxia e coa cidade de Pontevedra como escenario. Tamén é autor do poemario “De amor e outros medos” (2013) e dunha novela de literatura xuvenil, “Os números viaxeiros” (2023). Mañá, ás 20.00 horas, presenta a obra no Círculo Recreativo Cultural do Porriño.

–Como nace esta novela?

–Xurdiu casualmente, porque nace na pandemia. É unha novela escrita nun período moi breve, concretamente, en 35 días máis ou menos, cando tivemos que estar confinados na casa. Deume entón por recoller unha idea que estaba maquinando na cabeza dende facía tempo e decidín poñerme a escribir. Esta novela saíu como un parto repentino, imprevisto.

–E saíu “As vidas do río”.

–Saíu unha novela de misterio, de suspense, unha especie de thriller. En Galaxia din que é unha especie de novela negra. É tamén unha novela actual, que non pretendía escribir para o público, senón para estar eu entretido, e ten moitas cousas do lugar onde vivo así coma preocupacións miñas, un pouco de crítica á política, ó xornalismo e ás relixións tamén.

–E sitúaa en Pontevedra.

–Si, Pontevedra actualmente é unha cidade de moda. É unha cidade creada para camiñar, algo que no confinamento non podiamos facer, e recupera un pouco a cidade, a Zona Vella, que é onde eu vivo, os paseos polo Parque da Familia, a importancia do Río Lérez, en consonancia con ese tema de ir e vir que ten o río en Pontevedra, que non se sabe si é río ou ría... Xógase un pouco con todo iso. Tratábase de facer tamén unha especie de homenaxe á miña cidade adoptiva, una cidade bonita dende o punto de vista arquitectónico e que, dende o punto de vista social e cultural, está funcionando moi ben.

–No ámbito temporal, elixe a Semana Santa, ¿por que?

–No confinamento estabamos practicamente na Semana Santa, pero escribo a novela con visión de futuro. É dicir, escríboa no 2020 pero utilizando o espazo temporal do 2021. Agora, evidentemente, xa é pasado. O que ocorre é que cando a remato de escribir, a novela quedou no ordenador.

–¿E como chega a Galaxia

–Eu quería publicar “Os números viaxeiros”, que escribín coas miñas fillas, e envieilla a varias editoriais, entre elas Galaxia; pero en realidade a Galaxia envieille as dúas obras. A miña sorpresa foi que ó cuarto día de enviarlla púxose en contacto comigo Marcos Calveiro. Quedamos en vernos á semana seguinte e o primeiro que me dixo foi: “A novela do policía voucha comprar”.

Cartel que anuncia a presentación de "As vidas do río", hoxe en O Porriño.

Cartel que anuncia a presentación de "As vidas do río", hoxe en O Porriño. / Cedida

–Que motivo lle deu?

–Díxome que era moi interesante, unha ambientación en Pontevedra do que fixeran Domingo Villar en Vigo ou Arantza Portabales en Santiago. En Pontevedra non había ninguén que escribira ese tipo de novela negra e iso parecíalle moi interesante, aparte de que lle gustara a trama, os personaxes... Ó final, un leva unha sorpresa feliz.

–Fáleme dos personaxes.

–Hai dous personaxes fundamentais. Un é Serafín Freixeiro, que é o comisario que leva a investigación, e ten unha personalidade ambigua. Cando escribín a novela pretendín facer a alguén insociable, incluso decateime despois de que tiña, dito con prudencia, un síndrome de Asperger moi leve. É unha persoa que confronta coas personalidades dos políticos, dos relixiosos, dos xornalistas, na medida en que el é unha persoa moi directa e clara. Ó lado del puxen a alguén que lle dera o contrapunto (Álvaro Casas), con sentido do humor, retranca, perspicaz, con boas dotes sociais. É como o Watson de Sherlock Holmes ou o Sancho Panza do Quixote. Dálle un toque máis humano a ese policía que, por outro lado, ten unha vida persoal libre. Trátase un pouco o tema do poliamor, sempre con respecto e con tolerancia cara a diferencia, que creo que é importante.

Non me desagrada seguir contando historias de Serafín Freixeiro.

–O humor tamén ten un papel importante.

–Eu creo que toda novela ten que ter un toque de humor. Teño que dicir que eu non son lector de novela negra. Cando llo comentei a Calveiro, díxome: “Igual por iso fixeches unha boa novela negra”. Realmente, non coñezo os elementos para determinar si é unha novela negra ou doutro tipo. Nese aspecto, creo que unha novela deste tipo ten que ter unhas doses de humor, co que se poida distraer ó lector dentro dunha realidade que é tráxica. Estanse a producir unha serie de feitos, alomenos un asasinato, e hai que darlle un contrapunto para que adquira un ritmo e que o lector poida estar entretido.

–Introduce tamén moitos xogos coa linguaxe.

–Tódolos capítulos empezan cun aforismo. Aforismos que son inventados por min, pero ós que lles puxen nomes de autores que suxerían outros autores reais. Non deixa de ser un invento meu de cara a entreter á persoa que lea o libro. Xogas con todo porque, realmente, moitas personaxes do libro tamén son recoñecibles. Cando estou escribindo este libro non estou sufrindo, estoume divertindo.

–Haberá máis entregas?

–Xa veremos. Ando niso, pero a diferencia entre escribir no confinamento e escribir agora é que o tempo non é o mesmo, pero non me desagrada seguir contando historias de Serafín Freixeiro.

Suscríbete para seguir leyendo