O cantante de Heredeiros elixe Vigo para rodar o vídeo de “Un bonito despertar”

Maneiro aproveita o seu directo na MasterClub para o clip | É un dos singles do seu novo disco en solitario | O 2 de marzo actúa no Teatro Principal en Pontevedra

Javi Maneiro ofrece un concerto de sobresaliente na Sala MasterClub de Vigo. |   // M.M.

Javi Maneiro ofrece un concerto de sobresaliente na Sala MasterClub de Vigo. | // M.M. / M.M.

Mar Mato

Mar Mato

Javi Maneiro, o cantante de Heredeiros da Crus, anda en tour por Galicia para presentar o seu novo disco en solitario, “Un bonito despertar”. A pasada fin de semana, no sábado á noite, aproveitou a súa parada na sala MasterClub de Vigo para gravar o clip do tema homónimo ao novo do cedé cun público entregado que correou a rabear o retrouso nun concerto que se hai que poñerlle nota non debe baixar do sobresaliente.

Maneiro deixou o tema “Un bonito despertar” –no que anima a coidar corazón, cabeza e corpo para disfrutar da vida con sentidiño– para o final e unha vez rematado, tanto lle gustou que explicou á xente asistente que ía tocalo de novo xa que estaban rodando imaxes para o vídeo clip.

O cantautor suxeriu á xente que cantara aínda con máis ganas e se achegara máis ao escenario –a sala comezou case chea e inda foi chegando máis xente a medida que avanzaba o directo, o que agradeceu o músico– para unhas novas tomas.

Rock a todo gas

Hai que subliñar que durante todo o directo mantivo unha voz incrible, acompañado por uns músicos que dominaron as melodías para ofrecer un concerto no que o rock capitaneou a noite con algún que outro tema máis tranquilo.

Con moita alma, foi cantado pola audiencia “Corasón de carballo”, a primeira canción do bis, unha versión da canción que publicou no disco “Jard Rock con fe” con Heredeiros da Crus e que mesmo ten cantado a dúo con Luz Casal no Festival de la Luz.

Nova cita, o 2 en Pontevedra

A poesía de Maneiro –que toca o día 2 no Teatro Principal de Pontevedra– conectou coa xente que acudiu ao seu concerto no que abundaba xente de media idade que gozou moito da posta en escena deste grande da música galega.

Non faltou “Son un romántico” no que canta “Non quero morrer xove, tampouco faserme vello” para engadir “Son un romántico/ a vida é un poema/ cada día amanese distinto/ son fillo do vento”.

Ao rematar, Javi Maneiro recoñeceu que era para el un luxo tocar “na cidade na que estudei, na que traballei. Viva Vigo!”.

O artista, que se autodenominou como “o renasido” polo accidente cerebrovascular que o puxo á beira da vida, tamén ofreceu en castelán o tema que cantou a dúo con Iván Ferreiro, “Lágrimas felices”, do seu disco “Furtivos”, no que a guitarra é a protagonista así como o verso “vivir, vivir, equivocarse”.

No concerto, tamén tivo temas de homenaxe á lingua galega e un recordo para as persoas que estragan ou estragaron a súa vida coas drogas. Nese punto, lembrou un pai que coñeceu e que lle confesou con moita dor que prefería ver morta a súa filla antes “que tirada pola droga” que xa a levaba a prostituírse.