Entrevista | Maneiro Cantautor

“A miña carreira en solitario é para evadirme do personaxe de Heredeiros”

“O médico díxome que estaba vivo de milagre. Tiven un derrame cerebral e botei catro días con el”, explica o músico que inicia a xira do seu último disco co que parará en Vigo, Pontevedra e Ourense

Javi Maneiro, vocalista de Heredeiros da Crus, en Vigo.

Javi Maneiro, vocalista de Heredeiros da Crus, en Vigo. / Marta G. Brea

Mar Mato

Mar Mato

Javi Maneiro é un dos referentes históricos do rock galego e en galego. A voz inconfundible dos Heredeiros da Crus regresa cun disco en solitario. Faino tras navegar pola sombra e retornar do precipicio da morte. Escoitalo falar é como abrir polo medio un libro de autoafirmación e filosofía. Non é verborrea post-it. Na cafetería do museo MARCO en Vigo quedamos con el un mediodía. Está marabillado co edificio e nós, coa súa cercanía e ledicia de vivir. O día 3 de febreiro comeza a xira en Boiro que recalará tamén en Vigo e Ourense este mes e en Pontevedra en marzo para presentar o seu último disco, “Un bonito despertar”, que recomendamos.

–Ante todo, como se atopa?

–Atópome moi ben de ánimo. Foi bonito espertar de verdade. Non fumo, fago deporte, teño a voz mellor que nunca, teño a sorte de ter unha banda incribule ao meu lado. Teño unhas ganas e ilusión renovadas.

–Vostede tivo un derrame cerebral en agosto do 2022. Foi difícil plasmalo no álbum?

–Nooooon. Non te podes nin imaxinar como foi. Eu escribín este disco moito antes do que me pasou. Fíxate. No Nadal de 2021 estabamos con Heredeiros planeando facer o 30 aniversario. Eu plantexei facer algo coa banda, un novo disco. E eles dixeron de esperar. A min, apetecíame facer un disco meu en solitario en galego para celebrar os meus 30 anos na música. Nas vacacións da conserveira na que traballo, aproveitei e escribín un disco enteiro en 20 días. Ía chamarse “Un bonito despertar”. Empezamos en marzo a gravar e en agosto tiven o derrame.

–Incrible. Parece que foron compostas a raíz do accidente.

–Si. É o cambio dunha persoa hacia unha nova vida. Empeza con “Pingüinos” que fala dunha vida que vai rápido; de súpeto botas a camiñar e atópaste co teu corazón que é o que canta “Un bonito despertar”. Sempre fun un tío moi crente. Miña nai levávame levantar a paletilla, a recibir as bendicións do cura no Corpiño... Este disco ten moito desa esencia. O normal sería que eu non estivera aquí agora.

–Tivo moita sorte.

–O médico díxome que estaba vivo de milagre. Estou facendo unha canción agora que di que hai anxos coidando de min no inferno. Alguén mirou por min. Ou miña avoa ou meu pai que morreu cando eu tiña 13 anos miraron por min e dixeron ‘ti, de momento, non’. Tamén pode ser o de ‘mala herba nunca morre’.

–Comentaba antes da entrevista que igual foi por estrés.

–Eu tiven un derrame cerebral na cabeza e botei catro días máis con el. Ao día seguinte de telo fun a un concerto, dous días despois fun traballar á conserveira e no cuarto fun dar outro concerto ata que caín. No hospital, dicía que non tiña forzas para aguantar tanta dor.

–En apariencia, sen secuelas.

–Só un pequeno pitido no oído e falta de equilibrio cara o lado esquerdo e que estou corrixindo. Deixei de fumar, fago exercicio...

–E o alcol e as drogas?

–O vermú é sagrado; pero non saio nunca. Nin toco as drogas. Hai moitos anos que non. Tiven a miña época de porreiro e desmadrado pero agora non. O tempo de vivir iso xa pasou. Agora prefiro disfrutar doutras cousas con máis tranquilidade.

–Sinala nas letras que non quere morrer novo, nin ser vello. Son sinais de estar facéndose maior...

–Si. Son dos que penso que me gusta escribir e falar pola boca da persoa que son agora, non do personaxe que a xente ve en min. Teño 50 tacos. Síntome como a froita que madurou e caeu da árbore. Quero estar cos pés no chan. Quero que o que escriba e conte sexa verdade para que a xente se identifique comigo. Este disco é esa verdade.

–Ser coñecido obriga a levar sempre un personaxe?

–Claro, por iso, a miña carreira en solitario. É a miña forma de evadirme do personaxe e desa dirección que ten Heredeiros cunhas letras e formas moi claras. Necesito saír de aí, senón a monotonía acabaría comigo. Necesito escribir o que eu sinto; non podo escribir pola mente dun rapaz de 18 anos porque non os teño. Nin tampouco os rapaces desa idade pensan como pensabamos nós a esa idade. Este disco faime sentir vivo.

–Filosofamos demasiado e vivimos pouco?

–Eu creo que é o momento no que máis pasa iso. Vivimos nun mundo no que a todo o mundo lle gusta falar bonito pero os seus actos non acompañan as súas palabras. Xa non hai empatía. A quen lle fas caso: á cabeza ou ao corazón? É a eterna dúbida. Eu teño claro que sempre vai triunfar o amor. Se as cousas non saen ben, alomenos a túa conciencia queda tranquila.

–Bótase de menos a autenticidade da xente coas redes sociais.

–-É unha moda de aparentar: unha selva salvaxe. Se te metes aí ou aprendes a manexar a túa cabeza ou te pode volver tolo.

– “Lágrimas felices” con Iván Ferreiro é un temazo pero eu creo que se sente máis cómodo cantando en galego.

–-Nos últimos discos de Heredeiros eu apenas escribo xa. Non son capaz de escribir se teño que ir pola liña erótica-festiva do grupo e non podo saír de aí. A miña visión da vida é distinta. O último tema que fixen foi “Corazón de carballo” que se botou un ano e medio sen tocar porque non tiña nada ver con Heredeiros. Dicían que era un tema pop, de amor, que non pegaba... Pois é un dos temas máis escoitados e versionados. Ese son eu. Por iso, me decidín a cantar en galego.

–Estamos en campaña, que lle pide aos políticos?

–Realmente creo que non están na realidade das cousas. É un mundo no que eu non duraría nin cinco minutos. Deberían escoitar máis o pobo e menos ás grandes industrias.

[object Object]

3 de febreiro: Boiro — A Pousada

4 de febreiro: Ourense — Teatro Principal

17 de febreiro: A Coruña — Playa Club

18 de febreiro: Lugo — Jagger

24 de febreiro: Vigo — Master Club

25 de febreiro: Ferrol — Auditorio Torrente Ballester

2 de marzo: Pontevedra

As entradas pódense adquirir en ticket.com e ataquilla.com.

Suscríbete para seguir leyendo