O cinema galego asina un ano de ouro con varios fitos históricos

“Samsara” de Patiño chegará aos cinemas de 15 países e “O corno” supera os 50.000 espectadores como a Concha de Oro con maior éxito dos últimos 20 anos

Sen as axudas ao talento da Xunta que naceron no 2005, estes fitos serían imposibles

“Samsara”, de Lois Patiño
levou premio na Berlinale 
deste ano.

“Samsara”, de Lois Patiño levou premio na Berlinale deste ano. / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

O 2023 será na historia do cinema galego un ano con letras de zafiro azul, brillante e intenso. En ningún outro momento anterior o celuloide de noso chegara a tan elevada colleita de éxitos: Concha de Oro en San Sebastián (“O corno”), premio na Berlinale (“Samsara”) e Goya á mellor película de animación (“Unicorn Wars”). O de Donosti e o da cidade alemá figuran entre os mellores festivais de cine do mundo.

No caso de “O corno”, o filme da directora Jaione Camborda leva xa máis de 50.000 espectadores nas salas comerciais. Dende prensa do filme, recalcan que desde 2002 con “Los lunes al sol” ningunha outra película coa Concha de Oro fora tan taquilleira.

O caso de “Los lunes al sol” de Fernando León de Aranoa –rodada en Vigo, con parte do elenco galego que arrasou nos Goya– foi histórico tamén. Eran outros tempos nos que acudir ao cinema era un acto social colectivo e masivo.

Claro que o filme con Bardem e Tosar estaba totalmente en castelán mentres que “O corno” ten a súa versión orixinal en galego e portugués, o que nun primeiro momento pode levar a moita xente a recear de vela pola histórica negativa en España a ver cinema con subtítulos.

O tempo dirá se “O corno” arrebata a “O que arde” o título de película en galego máis vista da historia. O filme de Óliver Laxe lograra 104.000 espectadores en todo o tempo no que se mantivo en pantalla. Só en 24 días, “O corno” leva case a metade dos espectadores totais da cinta de Laxe.

É posible tamén que a longametraxe rodada en Arousa, o Baixo Miño e a raia con Portugal sobre unha parteira que debe fuxir das autoridades por un problema grave chegue a coincidir nos cinemas con outro título de director galego que vén avalado por un premio de éxito na Berlinale: “Samsara”, de Lois Patiño.

Esta cinta leva anotado o paso por 30 festivais incluída a Seminci, o festival de Londres e esta fin de semana o Cormorán de A Coruña que supuxo a première no chan galego o pasado venres.

A súa chegada aos cinemas será o 20 de decembro cando se vexa esta historia rodada en Laos e Zanzíbar sobre o círculo da vida e como un personaxe se vai reencarnando ao longo de diferentes espazos e marcos temporais.

De Lituania a Brasil

“A venda a distribuidoras internacionais foi bastante ben”, explica Patiño. “Vendeuse a 15 países. Estiven na estrea das salas en Lituania; o 9 de novembro estréase en Brasil e no Reino Unido tamén a acolleu a distribuidora que moveu ‘As bestas’ ou ‘Parásitos’ para mostrala a partir de finais de xaneiro. Viron en ‘Samsara’ unha experiencia única para ver en sala de cine”, engade.

Esa vivencia especial á que fai referencia o director de obras como “Costa da Morte” ou “Lúa vermella” é o convite a pechar os ollos no medio da proxección e sentir a película durante un cuarto de hora. “Iso convértese nun acontecemento cinematográfico”, recalca Patiño que destaca que o filme “traballa sobre a espiritualidade e o contexto do nadal axudará a reflexionar sobre distintas concepcións e relixións máis sensibilidades espirituais”.

O realizador galego confesa estar “moi feliz” con todo o percorrido, especialmente pola distribución en cinemas comerciais. “As películas que fago eu son dunha linguaxe diferente á que adoitamos ver nas salas. Por iso, me fai especial ilusión que tantas distribuidoras a vaian levar por cinemas de distintos países. É algo novedoso para min”, confesa.

Engade que “a película busca ampliar a perspectiva de como a vida pode ser vivida e como a morte pode ser concebida. É moi interesante que moitos espectadores dixeron estar cos ollos pechados vai ser algo que non esquecerán na vida, que nunca viviran algo igual no cinema. A sala convértese nunha experiencia de meditación colectiva por uns minutos. É algo diferente, inaudito”.

Tanto Patiño como Camborda son dous exponentes do Novo Cinema Galego, un movemento xeracional de creadores de cinema do país que demostrou que outra maneira de facer cinema era posible levando as historias feitas desde Galicia ao estranxeiro e con recoñecemento.

Considérase como data fundacional o ano 2010 cando “Todos vós sodes capitáns” de Óliver Laxe recibiu o Fipresci da crítica internacional na Quincena de Realilzadores do Festival de Cannes.

Xusto un ano despois, o “Vikingland” de Xurxo Chirro percorreu o mundo recollendo tamén galardóns ao amosar a dura vida duns mariñeiros galegos entre o xeo do mar de Dinamarca e Alemaña.

Trece anos de éxitos e soños

Dende entón, aconteceu algo impensable ata ese momento: que películas galegas, mesmo en galego, chegaran aos festivais máis prestixiosos do mundo e gañaran premios. O éxito de “O corno” e “Samsara” é como a escuma da estela na singladura dun barco, pero como e onde se orixinou este fenómeno?

“Estamos vendo os froitos de todos estes anos de traballo”

Lois Patiño - Director de cinema

decoration

“Estamos vendo os froitos de todos estes anos de traballo. Nós comezamos hai máis de dez anos. O nacemento do Novo Cinema Galego foi no 2010 con Laxe en Cannes e todos estes anos traballamos para lograr este momento no que estamos: facer películas co financiamento suficiente que precisan como é o caso de ‘O corno’. En Galicia, construímos unha comunidade a todos os niveis de cineastas, produtores, festivais de cinemas, coa TVG, Agadic. Estamos todos remando a favor no mesmo barco. É un momento moi bonito de comuñón. Cada vez rompemos máis teitos e seguimos con moita ambición, temos moitos anos por diante e inda podemos conseguir máis e novos grandes fitos”, sinala Patiño.

Recoñece Jaione Camborda que cando comezaron “ninguén neses momentos auguraba semellante fenómeno pero cando cheguei a Galicia empecei a atopar unha cantidade de xente que nos empezamos a xuntar, nun xermolo dun cinema novo, comprometido. Iámonos atopando en diferentes lugares, como festivais, e sentías a calor dunha xente que vibraba na mesma onda e dirección. Iso deunos moita forza e axudándonos uns a outros collemos máis azos para o camiño de sacrificio da creación”.

En efecto, esta xeración vive a súa arte como unha familia. Cando Camborda recibía semanas atrás a Concha de Oro cineastas e productoras amigas seguían pola pantalla o seu discurso e o festexaban nun restaurante en Compostela. Cando un destes cineastas roda, os outros botan unha man na gravación ou mesmo actuando, no que poden.

Ademais da coincidencia xeracional, hai outro elemento: a súa excelente formación. “Coincide que a maioría de nós –engade Camborda– temos estudos en escolas de cinema no estranxeiro pero Galicia foi o noso lugar de unión. Eu son vasca e aquí sentinme dentro desa comunidade”.

Patiño recalca que “sen as primeiras axudas da Consellería de Cultura non lograriamos facer as nosas primeiras películas coas que empezamos a ter os nosos primeiros premios, por iso é tan importante mantelas”.

Esas aportacións tamén teñen o seu momento fundacional. “No ano 2005 apareceron as axudas ao talento para abrir unha xanela nova. Lembro as críticas que recibimos por iso. Dicían que eran películas minoritarias, que non interesaban a ninguén e agora son as que están en Toronto, Locarno, Cannes, Berlín... Xa é un mérito chegar alí. Na vida pasou unha cousa así”, destaca Manolo González, director da extinta Axencia Audiovisual Galega que existiu entre 2005 e 2009 no goberno bipartito do BNG e PSdeG.

“Estes cineastas naceron ao abeiro dunhas axudas que empezaron no 2005”

Manolo González - Axencia do audiovisual

decoration

“Todos estes cineastas –prosegue– naceron ao abeiro dunha liña de subvencións que foron as axudas ao talento. Estas naceron no goberno bipartito porque a industrial audiovisual galega non daba acobillo ao novo talento galego. Na época de Fraga, as axudas dábanse ás produtoras, sen considerar os proxectos. Nese momento, ou todos os directores eran de fóra de Galicia ou tiñan máis de 60 anos. Era así. A xente nova non tiña posibilidade de acceder a unha axuda; era a única maneira de que os novos produciran os seus proxectos. Facía falla meterlle vento ás velas desa xente nova. Coas axudas ao talento comezou a agromar unha xente nova moi ben formada en centros internacionais. Era un cinema que falaba de ti a ti coas tendencias contemporáneas”.

Con cambios e unha primeira disminución do montante pola crise do ladrillo, estas axudas mantivéronse con Agadic, inda que a Axencia Galega do Audiovisual desapareceu. “Inevitablemente a Administración veuse obrigada entre aspas a facer máis caso a este cinema porque era o cinema que estaba realmente traspasando fronteiras e tendo un recoñecemento tan forte. Xenerouse a obriga de facer un espazo interesado para axudar este cinema que tantos froitos está dando”, conclúe Camborda. “Non hai axudas como estas no resto do Estado”, subliña González.

Suscríbete para seguir leyendo