O Kerouac axita as ás poéticas

O festival comeza hoxe en Vigo a súa edición número 13 | Oriana Méndez e Malvares de Moscoso presentan novos traballos | Mario Obrero recitará o sábado no MARCO coa performance de Lola Nieto que non deixará indiferente

Mar Mato

Mar Mato

Levar adiante o Festival Kerouac de poesía é unha proeza cuxa envergadura pasa inadvertida á meirande parte da xente, mesmo daquela que goza cada ano ao atoparse cos versos ao longo da cidade de Vigo ben en altofalantes, en recitais a pé de rúa, sobre un pantalán, nun barco de ría, en espazos culturais ou en centros comerciais como El Corte Inglés, onde onte foi presentada a edición número 13 que comeza hoxe.

“Es muy difícil hacerlo, ya se ha convertido en una responsabilidad para nosotros (...) y este año hemos perdido apoyos._La poesía no es mainstream”, explicaba onte Marcos de la Fuente, codirector do evento xunto á artista visual Vanesa Álvarez na presentación.

Porén, a organización confía en que para a vindeira edición se sume o soporte do Concello de Vigo que explicou aos organizadores que nesta edición non podía aportar axuda por unha cuestión cos orzamentos debido ao cambio de goberno. “Confiamos en que el año que viene sí nos pueda ayudar”, indicou De la Fuente.

Na roda de prensa –acompañado por Fuencisla Cid, directora de Comunicación de El Corte Inglés Galicia e Asturias–, recordou que o Festival Kerouac comeza esta tarde, a partir das 19.30 horas na sede da asociación cultural Évame Oroza. Alí, a poeta viguesa Oriana Méndez –gañadora do Premio de Poesía Afundación– ofrecerá no seu recital un adianto do seu novo libro, Chairas Sucesións (Chan da Pólvora).

A escritora comentaba onte a FARO que “será a primeira vez” que revele ante un público versos da nova obra que xusto está a comezar a chegar esta semana ás librarías.

Outra presentación especial no día de hoxe e no Kerouac virá con Malvares de Moscoso, rapsoda contemporáneo e membro do grupo Rebeliom do Inframundo. “O deserto dos leões” é o seu disco de hip hop en galego. Este contén seis cancións inspiradas na poética de Mario Regueira con 17 poemas transformados nunha viaxe sonora que leva a audiencia por Louisiana, Haití, Senegal, Marrocos ou Etiopía.

Na segunda xornada do Kerouac o emprazamento pasa a ser El Corte Inglés, na súa sétima planta. Tamén, a partir das sete e media da tarde. Carmeliña García, rapsoda, ofrecerá a súa arte poética xunto a outros tres creadores: Montse Villar, Alberto Avendaño e Pepe Bordallo.

A salmantina Montse Villar –formada nas universidades de Salamanca e Santiago de Compostela– ofrecerá poemas do seu libro “Sumergir el sueño/ Sulagar o soño” (Lastura) no que pide ás palabras “cambiar os nosos pequenos mundos e compartilos”, segundo resalta a súa editorial.

Pola súa parte, tamén recitará Alberto Avendaño –quen ten editado títulos como “¿Qué hostia dicen los rumorosos” ou “Caosmos, este último con ilustracións de Antón Patiño– e que está considerado “o pioneiro da poesía de acción”, según destacou o director do festival, Marcos de la Fuente. Avendaño é un dos fundadores do colectivo Rompente que amosou nos 70 e 80 un novo xeito de achegar a poesía á xente.

Por último, na última xornada do Kerouac, o museo MARCO acollerá o recital dun dos poetas novos máis queridos polos lectores, Mario Obrero.

Defreds, finalmente por cuestións familiars, non poderá participar. Sí o farán o músico Pablo Ramírez, coa improvisación escénica visual “La poesía, si es que existe”, acompañando ao escritor Oscar Curieses.

Finalmente, Marcos de la Fuente adiantou que o acto rematará doa performance poética de Lola Nieto. Coa súa peza “Caracol”, prometeu, non deixará indiferente á audiencia. As entradas para esta última xornada están á venda en eventbrite.es por dez euros máis gastos.