Unha “pequena trasnada” na casa de Mario Bros

Ledicia Costas e “El Hematocrítico”, entre os convidados de Nintendo para proba-lo novo xogo do popular personaxe

David Sierra, Pedro Mañas, “El Hematocrítico” e Ledicia Costas, na sede de Nintendo.

David Sierra, Pedro Mañas, “El Hematocrítico” e Ledicia Costas, na sede de Nintendo. / Cedida

M. González

M. González

“Nintendo convidounos a catro autores de literatura infantil e xuvenil, que tamén somos gammers, e a un xornalista, a probar o novo xogo de Mario, o Super Mario Bros Wonder, unha semana antes de que saia á venda”, explica Ledicia Costas dende Madrid. “É un privilexio para nós, que somos fans, que nos gustan tanto os videoxogos e que medramos con Mario, poder probar este xogo, que é moi esperado”, engade.

Así que xunto a “El Hematocrítico”, Pedro Mañas e David Sierra, desprazouse ás oficinas de Nintendo, onde prepararon un set ambientado no xogo e onde puideron probalo “antes que ninguén”. “Este Mario ten moitas sorpresas”, anuncia a escritora. “É un Mario onde a opción multixogador é moi interesante para xogar en familia con nenas e nenos máis pequenos que aínda non saben xogar ben; tamén é un xogo moi democrático porque tódolos personaxes teñen as mesmas habilidades, algo que en Marios antigos non era así”.

Durante a xornada de onte puideron descubrir tamén interesantes sorpresas como a “flor marabilla”, que se a tocas “abre unha serie de posibilidades que non sabes nunca onde che van a levar, te transporta a realidades paralelas”, anuncia.

“Mario é un personaxe dos videoxogos e da cultura popular co que ti medras e vas evolucionando. Non sei o número de videoxogos nos que sae, pero son unha infinidade, e dende o seu inicio foi o meu videoxogo favorito; para min Mario é moi especial”, subliña Ledicia Costas. Deste xeito, “probalo antes de tempo é como unha trasnada que me fai moita ilusión”.

A escritora viguesa reflexiona sobre que “os videoxogos están moi demonizados, parece que son os inimigos dos libros, e estase transmitindo esa idea á rapazada, pero a verdade é que eu me criei cun videoxogo na man e cun libro na outra e teño que dicir que a narrativa dos videoxogos é absolutamente fascinante”.

“Hai videoxogos malos? Claro que os hai. Hai libros malos? Tamén”, afirma. “Pero tamén hai videoxogos absolutamente extraordinarios e poden convivir sen ningún tipo de problema”. É por iso que lle parece “moi valioso” que Nintendo contara con persoas do ámbito da literatura infantil e xuvenil para este evento, “para visibilizar esta cuestión e quitarlles ese carácter negativo que aínda teñen. É unha idea que xa tería que estar superada, pero ás veces escoitas discursos como que os videoxogos son os inimigos da cultura, e en absoluto; os videoxogos tamén son cultura e creo que hai que normalizalos e lanzar unha visión positiva arredor deles. Paréceme moi importante porque, do contrario, descolgámonos do universo infantil e xuvenil, porque eles medran con eles, como eu o fixen, e nunca os abandonei, e a día de hoxe son moi lectora e recoñezo que tamén xogo o que podo a videoxogos. Trátase de facer un uso responsable e nada máis”.

Unha “pequena trasnada” na casa de Mario Bros

Ledicia Costas, onte na sede de Nintendo. / Cedida

“Está moi ben que Nintendo conte con escritores coma nós para oportunidades coma esta”, di “El Hematocrítico”, que tamén se confesa un fan de Mario Bros. No seu caso, tamén aposta por empregar os videoxogos como “evento de ocio familiar”. “Non me gusta empregalos como canguros, pero si como un momento para compartir todos xuntos”. E cal mellor que Mario, “unha opción especialmente divertida para xogar xuntos adultos e nenos”.

Unha “pequena trasnada” na casa de Mario Bros

Unha das partidas ás que xogaron onte de Super Mario Bros Wonder. / Cedida

Tamén Pedro Mañas coincide cos dous escritores galegos. “Ante esa reticencia que sigue existiendo a que convivan las pantallas con la literatura, somos partidarios de que convivan, que interactúen y que se busquen modos incluso de disfrutarlas al mismo tiempo, de que haya buena ficción literaria en los videojuegos y también que los libros incluyan a los videojuegos como motivos centrales”.

Suscríbete para seguir leyendo