CLUB FARO

Alonso Montero: “Rosalía foi a poeta de Europa pero na casa non sempre comían quente”

“Ela e Murguía pasaron por verdadeiras adversidades”, lamentou o catedrático

O escritor lembrou como a autora “era sinalada dende pequena”, por ser filla de sacerdote, e que iso “marcouna”

Xesús Alonso Montero e Antón Vidal. |   // ALBA VILLAR

Xesús Alonso Montero e Antón Vidal. | // ALBA VILLAR / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

“Rosalía de Castro publicou varias novelas e tres grandes poemarios. Ela é unha poeta de Galicia, España e Europa pero realmente moitas veces na súa casa non se comía quente”, deixou claro o catedrático e escritor Xesús Alonso Montero quen volveu onte ao Club FARO para presentar o libro “Rosalía de Castro vista por Manuel Murguía” (Galaxia).

O libro recompila 60 escritos –moitos deles inéditos– do que foi marido da excelsa poeta galega. Os textos foran recollidos por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, unha das principais biógrafas da autora de “Cantares gallegos”, e que faleceu hai cinco anos sen poder ver publicada esta obra súa na que tantos anos traballara.

Alonso Montero foi presentado por Antón Vidal, presidente do Consello de Administración de Galaxia, quen destacou que Rosalía convertiu o galego “nunha lingua de arte” coa súa obra poética.

Montero lembrou que Victoria Álvarez –filla do pintor San Luis de Vigo– foi alumna súa no Colexio Universitario de Vigo, cando este dependía da Universidade de Santiago de Compostela. De aí que o propio Montero lle fixera o prólogo á obra presentada onte.

“Victoria quería entender mellor a personalidade de Rosalía de Castro, bastante problemática, e ter o testemuño de quen viviu varias décadas ao seu carón como esposo. Murguía non era un esposo calquera. Daquela, xa era unha autoridade intelectual en Galicia. Era historiador, arqueólogo, autor de traballos literarios...”, explicou o conferenciante.

“Con estes traballos, proseguiu Montero, Murguía estaba construíndo a conciencia de Galicia. Escribiu en circunstancias moi adversas. Pasaron por verdadeiras adversidades. Rosalía e Murguía nunca tiveron unha casa propia; viviron polo cómputo que fixo Victoria antes de morrer en sete casas pero ningunha foi porpiedade deles. Viviron sempre alugados. Iso proba a situación económica na que viviu esa familia numerosa”.

O catedrático e expresidente da Real Academia Galega louvou o esforzo de Murguía para sacar adiante textos que se publicasen xa que “diso dependía que comeran ou non. O día que se escriba a historia familiar hai que ir ás cartas, que son moitas, entre Rosalía e Murguía, nas que se poden atopar fragmentos como que dentro de oito días lle vai enviar diñeiro [el a ela] porque lle van pagar un artigo nun xornal de Bos Aires. Rosalía esperaba ese diñeiro”.

Montero tamén fixo referencia á “lousa” que levaba Rosalía por ser filla dun sacerdote e dunha nai solteira, unha fidalga vida a menos. Lembrou que “era sinalada dende pequena” dende as entradas de negocios de Padrón e Santiago empezando a comprender cal era a causa a partir dos doce anos. O académico da RAG recalcou que iso “marcouna”.

Tamén sinalou que Murguía se afanou en borrar ese feito da súa biografía e que recibiu axuda da RAG para borrar o pai inda que, posteriormente, a que foi eliminada foi a nai ao dar a entender á opinión pública que Rosalía fora abandoada na inclusa o que botou por terra Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda con documentos da época que demostraban que á idade de cinco anos nena e nai vivían xuntas xa que aparecían censadas no mesmo predio.

Para Montero, quen non obviu pero sen profundizar en que o historiador lle foi infiel á poeta, “Murguía construíu unha estatua de Rosalía ao seu xeito e foina modulando á súa maneira” silenciando partes da súa biografía para alimentar outras que lle conviñan.

[object Object]

O libro “Rosalía de Castro vista por Manuel Murguía” amosa a través de textos escritos –todos en castelán agás un un– do marido da autora o que este pensaba sobre a súa muller ao longo de diferentes décadas.

En canto á lingua máis empregada, o castelán, Alonso Montero indicou que ese era o idioma que se falaba fóra das clases populares e que inda así Rosalía o elevou á obra poética, o que marcou o Rexurdimento da nosa lingua.

A obra comeza co artigo “La Flor. Poesías de la señorita doña Rosalía de Castro”, publicado en “La Iberia” no ano 1857. Asegura nel Murguía que os poemas que leu “conmovieron mi alma y la refrescaron; es que vi en aquel corazón que suspira un corazón de poeta”.

Nun punto sinala que eses versos moitas veces “no los desdeñaría el mejor de nuestros poetas”.

Engade tamén en forma de pregunta se a autora quizais naceu “para ser algo más que una mujer, tal vez para legar un nombre honroso a su patria”.

Esa creadora acabaría ao fin sendo a súa muller e el animaríaa a seguir escribindo “Cantares gallegos” para despois conformar o libro que finalmente foi. “El animouna a que continuase escribindo eses cantares para compoñer un volume, o que se publica en Vigo no 1863 e que é a obra fundacional da literatura galega moderna”, destacou o catedrático vigués.

Para Alonso Montero, está claro que Murguía comungaba con esa versión de Rosalía, como poeta-voz do pobo. “Eu ando na teima dende hai moito tempo de que Murguía non estaba convencido de que a Rosalía que escribira ‘Follas novas’ era a Rosalía que a el lle gustaba” porque nese segundo libro xa non había a pegada ‘folclórica-do pobo’ do primeiro para tornar nunha publicación “metafísica, sobre a saudade e a condición humana, falando dos grandes problemas da condición humana nun dialecto, no que entón se denominaba un dialecto, nunha lingua que non falaba nin Rosalía nin Pondal”.