O libro das gaiteiras galegas

“As que dormen no centeo” recolle as composicións de 16 solistas mulleres para tirar abaixo o cliché que asocia a gaita aos homes

Presentación do libro das gaiteiras galegas.

Presentación do libro das gaiteiras galegas. / AGG

Mar Mato

Mar Mato

Ser gaiteira neste país e ver a túa obra propia de composición publicada era ata hai pouco case que un milagre. Sábeo ben Marina Vigo –do grupo Cantometrics– quen realizou recentemente unha investigación sobre o repertorio feminino editado en papel. “Foi terrible porque só había cinco autoras en vinte anos en obras compilatorias. A realidade tamén é que non hai moitas publicacións para gaita pero inda así os números son moi malos”, reflexiona.

Marina engade que “é unha eiva que no caso das mulleres se arrastra en todos os instrumentos pero na gaita é peor porque o imaxinario está moi sexuado aínda ao crer que os homes son gaiteiros e as mulleres, pandeireteiras”.

Ante esa realidade, dende a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) –tamén Asociación do Baile e a Música de Tradición Galega– tratouse o asunto nunha xunta directiva concluíndo que unha boa acción sería sacar do prelo unha publicación na que destacar o papel da muller na música tradicional.

Ese libro leva por nome “As que dormen no centeo”, editado pola AGG, e presenta as composicións para gaita de 16 gaiteiras galegas. “Somos de contextos e idades diferentes. A máis nova é María López, de 19 anos –que representará a Galicia na competición polo Trofeo MacCrimmon de Gaita no Intercéltico de Lorient en agosto e que gañou nunha edición anterior– pero tamén hai consagradas como Cristina Pato ou Magoia Bodega (de Treixadura) e María Xosé López”, explica Marina Vigo.

Cristina Patotamén participa no libro.

Cristina Pato tamén participa no libro. / mar mato

Cada compositora facilitou entre unha e tres composicións de obra só para gaita ou para varias gaitas. De feito, a publicación presenta as partituras e un cedé no que as autoras que quixeron gravaron os seus temas.

“A idea é que a xente que se queira achegar á gaita e non teña coñecementos musicais poida coñecer estas pezas para tocalas”, agrega Vigo.

Alén diso, a obra presenta prólogo da xornalista Pilar García Rego, toda unha referencia no mundo tradi galego polo seu traballo como presentadora do programa “Alalá” da TVG.

Entre as autoras que podemos atopar figuran Sabela Galván (que además de gaiteira é acordeón, frauta e voz na xira de Sés); as profesoras en conservatorios Mónica Carrera ou Isabel Olivares; Lucía Eiros, Carme López Fernández, Verónica Sousa ou Luisa Sarmiento, entre outras.

Marina Vigo diserta tamén sobre outro dos prexuízos que busca rachar o libro “As que dormen no centeo”. “Atopamos a idea de que as mulleres fan obras ‘delicadas’. É un cliché como tamén o é a crenza de que hai unha maneira feminina de achegarse á arte ou á música. Queriamos incluír un abano amplo de pezas para demostrar derribar estes estereotipos ensinando os distintos modos que temos de persarmos a gaita e de compoñer”, engade a artista.

En canto ao significado do título e a súa elección, lembra que provén dun verso de Rosalía de Castro. “As obras que se publicaron a finais dos 90 ou principios dos 2000 eran compilatorios para gaita e tiñan versos de Rosalía. Quixemos recoller esta estela para agradecer ese traballo pero dándolle unha lectura feminina. Para iso, collemos o poema de Rosalía ‘A miña santiña, a miña santaza’ que fala dunha costureira que pide a unha santa aprender a bailar, a sacar punto. A santa responde que non e tras insistirlle a traballadora na contestación inclúe a frase ‘seda para as que dormen entre o centeo’. Collimos o verso para reclamar que nós vimos dunha situación precaria, da lama, pero durmimos entre o centeo e non estamos de acordo co lugar que se nos dá socialmente”.

Suscríbete para seguir leyendo