Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un envío de postais para que Luísa Villalta sexa a homenaxeada das Letras Galegas 2023

O colectivo A Sega lanzou este mes a iniciativa de encher de postais a sede da Real Academia Galega para reivindicar que se recoñezan máis mulleres na efeméride | A Deputación de Ourense propón ás irmás Pura e Dora Vázquez

Luísa Villalta. Editorial Galaxia

En 59 anos de historia, a Real Academia Galega tan só rendeu homenaxe a cinco mulleres no Día das Letras Galegas. Dende hai anos, diferentes colectivos feministas veñen reivindicando a necesidade de visibilizar o traballo das mulleres escritoras nunha data tan senlleira para Galicia e rachar así coa evidente desigualdade á hora de dar protagonismo aos autores que desenvolven a defensa do idioma galego a través da súa manifestación literaria.

É o caso da plataforma de crítica literaria A Sega, quen hai case unha década apostou por crear a distinción "A Nosa Señora das Letras", un título na procura de destacar a figura daquelas mulleres que contribuíron á cultura galega en xeral e, sobre todo, á literatura. Así mesmo, o principal obxectivo é visibilizar que na comunidade galega as poetas, novelistas ou dramaturgas tamén existen.

É por isto que, gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, decidiron lanzar este mes unha nova campaña para impulsar que o vindeiro 2023 estea dedicado a unha literata. Dende A Sega animouse a toda a poboación galega a enviar postais á sede da Real Academia Galega para que o próximo 17 de maio sexa unha xornada na que celebrar e festexar a contribución da escritora coruñesa Luísa Villalta á cultura galega. A idea é que a campaña chegue ata a institución encargada da selección dos homenaxeados polas Letras Galegas e comezar a mudar o feito de que a presenza das mulleres nesta efeméride sexa escasa.

As persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa poderán atopar na páxina web da plataforma de crítica literaria as postais descargables e tamén adhesivos para que a proposta sexa recibida polos académicos e académicas.

Luísa Villalta. LA OPINION

Voz propia e un forte compromiso social

Luísa Villalta naceu na Coruña no ano 1957 e licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa, ademais de ser titulada superior en violín. Dedicou parte da súa vida profesional a ser docente de Lingua e Literatura Galegas no Ensino Secundario e foi unha escritora prolífica que non limitou a súa pluma a un xénero concreto. Así, grazas á súa versatilidade converteuse en autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos en lingua galega.

O seu bo facer nas letras foi premiado e recoñecido en diversas ocasións: no certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990), por "A taberna do holandés"; co XIII Premio Espiral Maior (2004), polo seu poemario "En concreto"; e postumamente co Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) tamén por "En concreto".

A súa traxectoria como autora desenvolveuse paralelamente a unha intensa actividade cultural, pois participou en seminarios, en recitais de poesía, deu conferencias e colaborou nunha chea de publicacións periódicas. Na súa obra tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo.

Luísa Villalta tiña unha vida chea de ocupacións, proxectos, esperanzas e creatividade á que dar saída cando a morte lle foi chegada dun xeito inesperado. En marzo de 2004, a escritora falecía a causa dunha parada cardíaca con tan só 46 anos de idade, deixando conmocionado ao mundo das cultura e da educación.

Dende aquela, son numerosas as iniciativas as que lembran o seu nome e o seu labor, pois no IES Isaac Díaz Pardo de Sada, onde ela foi mestra, convócase anualmente o Certame Literario Luísa Villalta, e tamén no contexto da comunidade universitaria, cada ano é convocado o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, para a promoción do uso do galego nas tres universidades galegas.

As irmás Dora e Pura Vázquez, no ano 1992. INAKI OSORIO

Ourense propón a Pura e Dora Vázquez

Por outra banda, hoxe coñeceuse que a Xunta de Goberno da Deputación de Ourense ratificou a proposta do presidente provincial, Manuel Baltar, para solicitar que o Día das Letras Galegas do próximo ano estea dedicado ás irmás ourensás Pura e Doura Vázquez. A proposta xa fora exposta polo propio presidente durante a cerimonia de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, no Barco de Valdeorras, ante os representantes da Real Academia Galega e da Xunta de Galicia.

Para Baltar, as mestras ourensás "teñen máis que merecido esta homenaxe" polo seu "compromiso vital, pola súa traxectoria cultural e pola calidade das súas producións", tanto como narradoras, como poetas ou como dramaturgas. Así, lembrou que este mesmo venres serán entregados os galardóns do XVIII Premio de literatura infantil e xuvenil que leva o nome de Pura e Doura Vázquez e que este ano recae no escritor Pablo Nogueira Campo pola súa novela "O clube de coleccionistas de selos".

Compartir el artículo

stats