Sentida homenaxe a Méndez Ferrín da asociación Évame Oroza en Vigo

O colectivo convérteo en socio de honra polo seu compromiso coa cultura máis pola súa admiración e compañeirismo co poeta

Asistentes á homenaxe, e abaixo Ferrín con Moncha Fuentes,  a súa dona, e o editor Xabier Romero. |   // ALBA VILLAR

Asistentes á homenaxe, e abaixo Ferrín con Moncha Fuentes, a súa dona, e o editor Xabier Romero. | // ALBA VILLAR / M. Mato

Mar Mato

Mar Mato

A asociación Évame-Oroza –nacida para perpetuar a memoria do poeta Carlos Oroza– ten novo socio de honra dende onte, Xosé Luís Méndez Ferrín. Aconteceu tras a celebración dunha sentida homenaxe en Vigo á que acudiron unhas 30 persoas do colectivo, así como familiares do escritor.

Sentida homenaxe a Méndez Ferrín da asociación Évame Oroza en Vigo

Sentida homenaxe a Méndez Ferrín da asociación Évame Oroza en Vigo / M. Mato

Entre os asistentes, atopábanse a súa dona, Moncha Fuentes; a súa filla, Oriana Méndez; o responsable da editorial Elvira e un dos impulsores de Évame-Oroza, Xabier Romero; Antón Pulido, Bieito Ledo, Alberto Avendaño, Antonio García Teijeiro, Menchu Lamas e Antón Patiño.

Precisamente, este último entregoulle un cadro da súa autoría a Ferrín como agasallo que se uniu a outra prenda: un escrito asinado por integrantes da organización Évame-Oroza para refrendalo como socio de honra da mesma.

A distinción recaeu nel polo seu “compromiso coa cultura” pero tamén pola “admiración” e amizade que mantiña con Carlos Oroza dende había tempo, segundo explicou Xabier Romero que ofreceu ao igual que Patiño e Menchu Lamas unas verbas de cariño para o autor de “Con pólvora e magnolias”.

“Ferrín foi o primeiro que dixo ‘aquí estou eu’ para axudar na constitución e co que fixese falta para esta asociación”, sinalaba Romero a este xornal tras finalizar o acto. “Queriamos facerlle algo sinxelo que non fora masivo”, aclarou.

Pola súa parte, Ferrín tamén pronunciou unhas palabras para lembrar a Oroza. Por suposto, comezou agradecendo o “recoñecemento” ao tempo que louvou a actividade da Editorial Elvira, que editou o libro “Évame” de Carlos Oroza e que “felizmente perpetúa a súa memoria”.

“Eu fun un dos primeiros galegos en Madrid en coñecer a Oroza. Presentoumo un amigo en común, Uxío Novoneyra. Celebrei moito que escollera Vigo para vivir a última etapa da súa vida. Eu sentía moita admiración por el, mantivemos unha amizade moi forte”, explicou Ferrín quen tamén lembrou a figura do ilustrador e pintor Reimundo Patiño [co que coincidiu en Madrid nos anos do colectivo Brais Pinto], co que deixou constancia da importancia do apelido Patiño na súa biografía

O acto de homenaxe desenvolveuse no restaurante El Juliana no mercado do Progreso.

A previsión da asociación Évame-Oroza é organizar un acto parecido como agarimo á outra socia de honra do colectivo, Elba Rei, muller do finado Uxío Novoneyra. Non podemos esquecer a importancia deste poeta das montañas lucenses na vida de Oroza quen de feito tiña un cuarto na casa deste onde pasou longas estadías.

Suscríbete para seguir leyendo