Loito nas letras galegas polo pasamento do académico vigués Salvador García-Bodaño

Faleceu aos 87 anos. A RAG destácao como "unha das figuras máis singulares e anovadoras da promoción dos 50"

García-Bodaño (esq), a carón de Víctor Freixanes, nunha homenaxe da RAG en 2019.

García-Bodaño (esq), a carón de Víctor Freixanes, nunha homenaxe da RAG en 2019. / VICTOR ECHAVE

R.S.

Pesar nas letras galegas polo falecemento este martes do académico vigués da RAG Salvador García-Bodaño. O intelectual, nacido no barrio de Teis, morreu aos 87 anos na súa residencia de Teo, concello á beira de Santiago de Compostela, cidade á que se trasladou de neno e onde se formou.

A Real Academia Galega lamentou o pasamento destacando a súa impronta como "unha das figuras máis singulares e anovadoras da promoción dos 50". Formou parte da Xeración das Festas Minervais, un grupo de escritores nacido arredor do concurso literario recuperado a mediados do pasado século pola Universidade de Santiago. Nel despuntaron nomes como Uxío Novoneyra, Manuel María, Antón Avilés de Taramancos, Xohana Torres ou Xosé Luis Méndez Ferrín.

A RAG destaca a súa "produción moi reflexiva e espazada", con apenas unha ducia de obras propias pero infinidade de colaboracións, entre as que destacan as xornalísticas.

Despuntou como autor de poesía, con oito libros. A súa primeira obra, Ao pé de cada hora (Galaxia, 1967), confirmouno como una das voces máis valiosas das nosas letras. Case unha década despois chegaría Tempo de Compostela (1978), recoñecido co Premio da Crítica de Poesía Galega. Logo virían 37 debuxos para un país (Ediciós do Castro, 1985), Compostela (Barcelona, 1989), Obra poética (Espiral Maior, 1993), Pegadas no alcatrán (Café Central, Barcelona, 1994), Cidade virtual (Biblos Clube de Lectores, 2003) eCantos de ausencia. (Elexías 1959-2002) (A Nosa Terra, 2004).

Tamén cultivou a narrativa con O caleidoscopio (Contos do Castromil, Ir Indo, 1992) e Os misterios de Monsieur D´Aillier  (Galaxia, 1992), que recibiu o Premio da Crítica de narrativa galega.

Máis aló da creación literaria, abordou ademais a tradución, con títulos como Viaxe por Galicia (Xerais, 1993), sobre as páxinas que George Borrow dedicou á comunidade na súa The Bible in Spain (1843); e exerceu a crítica literaria, a crítica de arte e o xénero biográfico profundando na obra e na vida de autores como Avilés de Taramancos, Maside, Xaime Quessada, Luís Seoane, Rafael Dieste ou Xesús Corredoira.

A relación coa prensa foi outra constante na súa traxectoria. Nos anos 60 coordinou a sección Páxina de Letras de El Correo Gallego, - diario del mismo grupo editorial que Faro de Vigo- onde máis adiante publicaría durante moito tempo unha columna dominical, No pasar dos días, sobre temas culturais e de actualidade.

Ingreso na RAG

Nova directiva da RAG, con Xosé Ramón Barreiro á fronte (2º pola dereita) e García-Bodaño como vicesecretario (1º á dereita) en 2001.

Nova directiva da RAG, con Xosé Ramón Barreiro á fronte (2º pola dereita) e García-Bodaño como vicesecretario (1º á dereita) en 2001. / VICTOR ECHAVE

En 1992 ingresou na Real Academia Galega a proposta de Antón Fraguas, Constantino García e Andrés Torres Queiruga. Dedicou o seu discurso de ingreso á capital galega, Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá (1992), no que abordou a relación entre Santiago e a nosa literatura desde a Idade media ata o vangardismo de Manuel Antonio.

No seo da academia exerceu o cargo de vicesecretario durante a presidencia de Xosé Ramón Barreiro (2001 – 2009). 

Activismo contra a ditadura

García-Bodaño foi un destacado animador de proyectos culturais desde a súa mocidade, comprometido políticamente coa democracia fronte á ditadura franquista. Así, foi un dos fundadores da Asociación Cultural O Galo (1961), pionera na reivindicación da lingua e cultura galegas. No raiar da década dos 60 integrouse no núcleo promotor desde a clandestinidade do Partido Socialista Galego (1963), ocupando o cargo de Secretario de Información e Propaganda.

Nos primeiros anos da democracia cofundou e foi membro da directiva da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega e presidente do Ateneo de Santiago. O seu activismo político e cultural levouno a integrar multitude de institucións e entidades a prol da identidade galega como o Seminario de Estudios Galegos, Museo do Pobo Galego, PEN Clube de Galicia, Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG), Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, Instituto Galego da Información, Fundación Castelao, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (IGI) e Fundación Pedrón de Ouro.

A súa brillante traxectoria foi recoñecida co Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural (1988), o Premio Cultura das Letras Galegas (2012) e a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2012).