A xente que compra música gravada en Galicia non chega ao 10% da poboación

Un informe do Consello da Cultura Galega destaca que a evolución desta tendencia é negativa: a porcentaxe é tres veces inferior á que se rexistraba hai quince anos

Cita histórica do cinema galego na Berlinale. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, recibiu en Santiago os representantes dos equipos dos filmes subvencionados pola Xunta “Matria”, de Álvaro Gago, e “Sica”, de Carla Subirana, que se estrearán na Berlinale, onde tamén se presentará “Samsara”, a nova longametraxe de Lois Patiño. | XUNTA

Cita histórica do cinema galego na Berlinale. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, recibiu en Santiago os representantes dos equipos dos filmes subvencionados pola Xunta “Matria”, de Álvaro Gago, e “Sica”, de Carla Subirana, que se estrearán na Berlinale, onde tamén se presentará “Samsara”, a nova longametraxe de Lois Patiño. | XUNTA / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Dez anos é tempo abondo para experimentar cambios de hábitos na poboación. Nese tempo as audiencias galegas teñen acudido cada vez máis ao consumo dixital e vía internet de contidos culturais. Así o evidencia o Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega nun informe.

No caso da música, máis do 80% dos galegos di escoitar música e un terzo da poboación foi a algún concerto no último ano.

Pero que ocorre coa compra de música gravada? En Galicia no último ano só o 8% da poboación o fixo pero é que a media estatal foi aínda máis baixa, 5,2%.

“A evolución desta tendencia é claramente negativa pois en quince anos a porcentaxe de persoas que compran música é seis veces inferior no conxunto de España e 3,3 veces inferior en Galicia”, recolle o informe.

O que sinalan para xustificarse é que a poden escoitar na radio ou na televisión, que son elevados os custes dos soportes físicos (cedé, DVD...). E un 36% das persoas consultadas sinala que a música que quere oír óea por Internet.

O informe sinala que cada vez o uso da radio é menos común para escoitar música inda que en Galicia o 64% segue a sintonizala. Contrasta co resto de España “onde aumenta a escoita de emisoras de radio por Internet, algo que non acontece aquí”, apunta o estudio.

Dende 2018 ata o pasado ano, os galegos que están subscritos a plantaformas dixitais de películas ou series aumentaron en 17 puntos al pasar do 33 al 50% pero aínda así a proporción atópase por debaixo do último índice estatal, case un 53%.

Cousa diferente acontece coas plataformas de contidos musicais. O 30% dos galegos están subscritos a unha, lixeiramente superior ao resto de España: 29,5%.

Pola contra, a asistencia a museos ou galerías está nun proceso de redución. No 2002, ao redor do 30% dos galegos acudía a algún; no último ano, baixaron ata o 19%, unha evolución totalmente parella á rexistrado nas outras comunidades. No último ano, segundo os datos do Consello, a quinta parte da poboación galego non piso oun museo ben debido á COVID (26%), ben porque non teñen interese (22%) ou porque non tiveron tempo (19%).

Precisamente, a falta de tempo é a xustificación principal que se dá cando as persoas explican por que non len. Non obstante, o informe resalta que a poboación xeral (64%) le máis libros na actualidade que hai vinte anos, o que supón un facho de esperanza.

No caso da compra de libros, tamén hai datos positivos. Os galegos mercaron máis libros no último ano que a media española: un 42% da Comunidade galega fronte ao 36% do conxunto de España, sendo o papel o formato preferido, de momento. O 95% da xente que adquiriu obras fíxoa para pasar páxinas físicas.

No caso da prensa diaria e das publicacións periódicas en Galicia son lidas moito máis ca no resto do Estado. O 81% da poboación asegura lelas ao menos unha vez ao mes, fronte ao 71% da audiencia española.

Desde o Consello da Cultura Galega subliñan que “a lectura de prensa diaria de información xeral é un hábito moi arraigado entre a poboación galega, con índices de lectura superiores aos do resto do Estado. Un 53% le todos ou case todos os días e un 75% polo menos unha vez á semana, máis de 12 e 14 puntos respectivamente sobre o total de España”.