A Festa da Primavera da Parda enche de cinema, música e obradoiros infantís este barrio

O 4 de maio celebrarase a xornada grande no Centro Leste, Pintor Laxeiro e Parque dos Soutos

Gulías cos representantes da asociación de comerciantes e pequenos empresarios da Parda.   | // FDV

Gulías cos representantes da asociación de comerciantes e pequenos empresarios da Parda. | // FDV / Redacción

A Festa da Primavera da Parda enche de cinema, música, obradoiros e actividades infantís este barrio pontevedrés até o vindeiro 4 de maio. Celebrarase a xornada grande do programa entre o Centro Leste, Pintor Laxeiro e o Parque dos Soutos.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou onte, xunto con representantes da asociación de comerciantes e pequenos empresarios da Parda, esta Festa de Primavera.

Trátase da segunda edición deste evento, consistente nun programa especial de propostas de diverso tipo, que inclúe cinema, música, animación de rúa, actividades infantís, entre outros, que teñen como obxectivo “poñer en valor a vida de barrio e os seus comercios”.

Gulías lembrou que o programa está en marcha desde o 20 de abril e permite “poñer en valor a vida de barrio”, ofrecéndolle unha chea de oportunidades de lecer, ocio e socialización á veciñanza da Parda, ao tempo que se fomenta o consumo de proximidade e se visibilizan os negocios desta zona da cidade.

Todas as actividades programadas teñen unha entrada singular, “un ticket do comercio local”.

Programa

O presidente da asociación, Manuel López, lembrou que o fin desta Festa da Primavera tenta darlle visibilidade aos comerciantes da Parda, agradecendo a colaboración do Concello e demais administracións.

O programa, máis polo miúdo, contempla a proxección da película Mavka. Guardiana del bosque no Centro Leste, o vindeiro 3 de maio, ás 20.00 horas. Tamén haberá obradoiros e charlas dos negocios do barrio o sábado 4 de maio, entre as 10.00 e as 14.00 horas, no Centro Leste; ao tempo que entre as 12.00 e as 14.00 horas hai xogos tradicionais familiares en Pintor Laxeiro.

O sábado 4 de maio, ao longo de toda tarde, haberá diversas atraccións infantís en Pintor Laxeiro como Photocall 360, obradoiros de graffiti e e porco mecánico.

Tamén, no parque dos Soutos, haberá inchables e celebrarase unha scape room. Os horarios poden ser consultados no Instagram oficial da asociación.