O BNG de Marín aposta pola cultura, o patrimonio e a lingua no seu programa de goberno para o concello. A candidata, Lucía Santos, afirma que “impulsar unha actividade cultural de calidade, recuperar e poñer en valor o patrimonio, a historia e a memoria de Marín, e revitalizar e potenciar a nosa lingua” serán eixos fundamentais da política do BNG no Concello.
“A actividade cultural municipal é imprescindíbel para revitalizar o Concello”, expón Santos. Pese a isto, “a cultura galega non ten un desenvolvemento autónomo o cal se exemplifica no Concello de Marín nunha falta da planificación dos contidos culturais”, lamenta a candidata á alcaldía.