O público ateigou o Pazo da Cultura dende primeira hora da mañá. As familias fixeron cola antes da apertura de portas para anotar os nenos e nenas aos obradoiros da cociña infantil e de maquillaxe, nos que participaron máis de cen pequenos. Chea de público familiar estivo, tamén, o contacontos que ofreceron María Solar e Xosé Tomás.

No resto dos cuartos do fogar da cultura que é Culturgal tamén bule a actividade neste día grande da Feira. A música comezou co jazz de Alberto Vilas Quinteto no Patio. Despois, Combo Dinamo ofreceu a perfecta mestura pop de Quieto, e de seguido lle tocou á Banda Crebinsky, que ofreceu un concurridísimo showcase para presentar o DVD da película. Entre medias, Terbutalina ofreceron unha dose da súa música divertida e irreverente nun lugar único: os baños do Pazo da Cultura. Un concerto sorpresa que non pasou desapercibido entre o público máis novo da feira. Pola tarde, houbo máis música, dende a presentación do disco República Billarda por parte da LNB, a actuación de Berrogüetto na presentación do libro Berrogüetto: O pulso da terra, o Método Cardiofónico de Germán Díaz e o concerto de surf instrumental de Pedrito Diablo y los Cadáveras.

O programa literario arrincou coa presentación de "Onde mercan os larpeiros" e da colección de "Cociña infantil e familiar" de Ouvirmos, dous bos exemplos de proxectos que combinan cultura e gastronomía. Entre medias, 2.0. Editora presentou o seu proxecto editorial e os autores de Criaturas presentaron o libro baseado no programa da TVG. As novelas xuvenís Dragal I e II, de Elena Gallego, pecharon a programación literaria da mañá. Pola tarde, foi o turno do xogo literario e teatral Collage, do colectivo da Porta Verde, a Guía de libélulas de Galicia, o Nómades de Xosé Tomás e de dúas das conversas de salón máis esperadas da Feira, as que mantuvo o xornalista Manuel Jabois con Manuel Rivas e José Luis Cuerda e con Domingo Villar e dous novos autores de novela negra: Xosé Manuel García López e Francisco Varela Losada.

Neste día grande do Culturgal, tamén houbo, por suposto, tempo para as novas tecnoloxías, o audiovisual e a cultura "marxinal", que dende primeira hora da mañá debate sobre o papel social da cultura e sobre a súa complexa relación coa industria.

Hoxe Culturgal ofrece una ampla oferta dende as 11.30 horas. Para os máis pequenos haberá obradoiros, contacontos, monicreques e presentación de libros. Tamén haberá nove presentacións de novidades editoriais da man dos seus escritores, cinco concertos en vivo e dúas obras de teatro.