TRIBUNA

A maternidade, entre o ideal e o real

Planta de Obstetricia e Xinecología del CHUO.

Planta de Obstetricia e Xinecología del CHUO. / FdV

Laura, Javier e Serea

Ninguén planifica que a primeira semana de maternidade e paternidade terá como escenario un hospital. Aleitar termando da vía para que pasen os medicamentos; dar os primeiros colos cunha sonda; controlar a evolución do bebé mentres a paciente é a mamá; durmir nunha cadeira ao pé dunha cama de hospital. Na longa espera por unha filla mandan os desexos e os ideais. Non se ten en conta que os imprevistos suceden, e que nos poden tocar. A realidade está constantemente refutando teorías. A realidade é unha cura de humildade.

Fálase pouco de que as excepcións poden ocorrer. Dubidar é normal, ter medos é comprensible, a dor existe, non todo será doce, o sufrimento acompaña o parto, a incerteza pode con un nalgúns momentos do proceso. Atoparse á fin coa túa nena compensa amplamente o sacrificio, tamén é verdade. As nais e os pais teñen todo o dereito a chorar, a vertixe é natural, non existen os fracasos: ninguén é peor se o que nos dicían en Instagram, nos libros ou nas charlas despois non sucede. Hai cuestións básicas para facer fronte ás dificultades: que a parella sexa un equipo, que a familia acompañe, que as amizades saiban estar sen a necesidade de estar, así como ter a sorte de que, cando se producen imprevistos, haxa profesionais que fagan do proceso unha vivencia máis doada.

Nada sería posible sen as mans salvadoras, sen a sabiduría das matronas, xinecólogas e anestesistas do paridoiro de Ourense. Que sorte tivemos de ter canda nós, nun proceso tan longo e difícil, á nosa querida Paula, irmá, cuñada, tía e loitadora, coma Serea. Sen ela e as súas compañeiras, a nosa pequena non estaría aquí. Esa débeda de amor e gratitude durará sempre.

Que importante é cuidar ademais de curar. Que valores tan fundamentais son a empatía e o tacto. Estamos moi agradecidos pola amabilidade, cercanía, comprensión e trato humano das enfermeiras, técnicas en coidados auxiliares, pediatras, cirurxáns e xinecólogas da sexta planta do hospital Materno Infantil. Souberon estar, axudar, apoiar, respectar. O camiño continúa na casa. O comezo queda atrás, pero nunca esqueceremos que todo o que veña será grazas aos primeiros días, a esa axuda inestimable. Non foi ideal, foi real.