“Cantar a Nación” co himno de Pondal do ano 1907

A estrea “oficiosa” do himno galego, fai 116 anos, serviu de homenaxe e reivindicación para demandar a instauración da antiga composición

A actuación do coro universatario no edificio sindicalista.   | // I. OSORIO

A actuación do coro universatario no edificio sindicalista. | // I. OSORIO / REDACCIÓN

REDACCIÓN

Onte cumpríronse 116 anos dende que no Gran Teatro da Habana se interpretou por primeira vez, solemnemente, o himno nacional galego. Este fito histórico, “tan relevante”, non podía pasar desapercibido para Vía Galega e Galiza Cultura pola importancia que o himno, como símbolo nacional, ten para “fortalecer a nosa autoestima e para cohesionarnos colectivamente”. E engaden que “o himno galego identifícanos e representanos como nación. Como símbolo nacional amosa a nosa vontade de ser e existir como pobo, ao tempo que reclama o dereito a sermos libres”.

Para conmemorar esta efemérida e reclamar a restauración do texto do himno conforme ao texto orixinal, creado por Eduardo Pondal, organizaron un acto no salón de actos da casa sindical, no Parque de San Lázaro, coa actuación do Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum, que interpretou o himno orixinal.

Baixo o paraugas do lema “Cantar a Nación. Aniversario da estrea do himno galego”, celebrouse un acto musical que puxo en valor a primeira letra do himno e tamén serviu de reivindicación.

Dende Vía Galega e Galiza Cultura sinalan que “como é sabido, o noso himno está formado polas catro primeiras estrofas do poema ‘Os Pinos’ de Eduardo Pondal e pola música de Pascual Veiga. O texto do himno galego, recollido na Lei de Símbolos de Galiza de 1984, ten diferentes erros, xa que non bebeu da fonte orixinal pondaliana, senón que se baseou nunha defectuosa versión editorial que tiña herdado erros acumulados desde había anos”. A investigación do máximo especialista do himno galego, o profesor da UDC Manuel Ferreiro, demostrou, xa hai máis de 30 anos, “as alteracións e erros que se foron transmitindo no himno, alleos ao texto orixinal e vontade de Pondal. Malia as repetidas iniciativas presentadas, desde o ano 1996, polo nacionalismo no Parlamento e despois de 39 anos de promulgación da Lei de Símbolos de Galiza, ao día de hoxe, o texto do noso himno continúa sen estar corrixido, destacando catro alteracións de importancia”.

Esta cuestión de modificación da letra do himno foi levada ao Parlamento galego cunha iniciativa popular, avalada por 16.000 firmas, que oi rexeitada polos votos do grupo popular e socialista da cámara do Hórreo.