Moncho Pena: “Precisamos obras que nos cheguen, non tratados de ideoloxía”

“É lícito transmitir unha determinada ética ou moral pero non se debe notar moito”, defende o escritor que vén de publicar novo libro de relatos, “En tempo de desconto”

Xesús Domínguez, Moncho Pena (c) e Moncha Fuentes. |  // MARTA G. BREA

Xesús Domínguez, Moncho Pena (c) e Moncha Fuentes. | // MARTA G. BREA / mar mato

Mar Mato

Mar Mato

Xosé Ramón Pena vén de publicar o seu último libro de ficción: “En tempo de desconto”. Na capa traseira do libro, editado por Galaxia, sinalan que este escritor betanceiro afincado en Vigo “é esa clase de autor que pertence á mellor tradición de contistas do noso país”. Queda claro ao lelo e tras escoitar a presentación que onte fixeron del no Club FARO. Na súa conferencia, Pena destacou: “Precisamos obras (de literatura) que nos cheguen, non tratados de ideoloxía”.

A este respecto, matizou que “é lícito transmitir unha determinada ética ou moral –nunha obra literaria- pero non se debe notar moito”.

Pena foi presentado por Xesús Domínguez, en representación de Galaxia; e por Moncha Fuentes, escritora e tradutora, ademais de amiga de Pena con quen coincidiu dando aulas no Instituto de Educación Secundaria (IES) Santa Irene de Vigo.

O autor de “En tempo de desconto” reflexionou sobre o tipo de literatura que el procura cando le un libro e que tamén procurar conseguir cando escribe. Ao respecto, Xosé Ramón Pena sinalou que “o que lle pido á literatura que me gusta ler é rapidez e visibilidade”.

Respecto da rapidez, aclarou que non se trata de que unha obra empregue poucas páxinas senón as necesarias mantendo o interese do lector.

A este respecto, lembrou que cando comezou a publicar nos anos 80, certas persoas nos xurados do Premio Blanco Amor –segundo citou– procuraban naquela altura “a gran novela galega do mar”, “a gran novela galega da emigración” entendendo que para chegar a tal consideración debían os traballos presentar un número determinado e elevado de páxinas.

Pena mostrouse contrario a isto xa que hai obras de contadas páxinas que son obras mestras. Como exemplo máximo puxo “A esmorga”, de Eduardo Blanco Amor, que el considera a “mellor novela da literatura galega”.

O autor tamén de libros de referencia como “Historia da literatura medieval galego-portuguesa” ou “Historia da literatura galega” tamén recalcou que os libros “deben estar ben escritos” e que se se quere ser escritor ou escritora hai que ter unha boa redacción, con especial atención á puntuación, o emprego do léxico e outras consideracións.

Entende Moncho Pena que “a literatura “é un lugar para darlle voz a todo o que nos rodea” al tempo que debe reunir “confluencia e debate das maneiras de pensar”.

Pena tamén se referiu ao seu triunvirato á hora de escribir: un plan de traballo, conformado pola ficción, acción e tensión da linguaxe, entendida esta última por la innovación no significado das palabras, entre outras consideracións.

Para Xesús Domínguez, de Galaxia, a publicación de “En tempo de desconto” supón “a posta de longo” da devandita editorial xa que é o segundo libro que edita Pena con ela. Sobre o libro, indicou que “son catro relatos que fan unha viaxe a un pasado posible”.

Pola súa parte,Moncha Fuentes resaltou que desde a publicación por parte de Ferrín de “Percival e outras historias”, que se situou á vangarda europea literaria, “o conto nunca deixou de escribir páxinas de ouro na literatura galega”.

Fuentes tamén fixo un percorrido pola historia da literatura universal e de noso para citar algúns dos autores máis destacados no relato curto entre os que situou a Poe, Hemingway, Chejov, Italo Calvino, Borges o Cortázar.

Sobre o último libro de Pena, presentado onte no Club FARO, Moncha Fuentes destacou o uso con mestría e orixinalidade da elipse narrativa; o emprego da primeira persoa na narración para dar unha dimensión de veracidade, os agasallos lingüísticos que presenta e a relevante presenza da música, das cancións, que serven para presentar os diferentes personaxes pero tamén pero meternos na súa psique.

Un columnista do diario decano co manexo preciso da palabra nos seus libros

Xosé Ramón Pena naceu en Betanzos no ano 1956. Coñecido polos seus libros e estudos sobre a literatura galega, tamén ten destacado como autor de ficción  de feito, no ano 1987 conquistou o Premio Xerais de novela con “Para despois do adeus”. En Vigo, deu clases no Instituto Santa Irene, o mesmo centro onde coincidiu co seu mestre e amigo, Xosé Luis Méndez Ferrín. Moncha Fuentes, tamén profesora neste IES canda eles, resaltou que hai pouco se editou en portugués a súa novela “A batalla do paraíso triste”. Alén doutras obras como “O reverso do espello”, “Todas as vidas” ou “A era de acuario”, Pena ten asinado libros que son chave para entender a literatura galega como “Literatura galega medieval”, “Manuel Antonio e a vangarda”, “Xograres do mar de Vigo” oua súa completísima “Historia da literatura medieval galego-portuguesa”. Ademais, durante anos foi o director do suplemento FARO DA CULTURA, do que agora é asesor inda que prosegue coas súas columnas de opinión no FARO DE VIGO. No seu libro de máis recente publicación, “En tempo de desconto” (Galaxia) presenta catro relatos extensos.No primeiro, cumpre o seu soño de director de cine a través dun personaxe que recupera a figura do cantante Andrés Dobarro e doutro músico da época ficcionado.