Opinión | Segunda Feira

“El mirandês yê la mie lhéngua”

Mirei actuar os “pauliteiros” de Miranda do Douro no Xardín do Pousío ourensán, sendo eu moi rapaz. Estes danzantes sorprendéronme polo vestido, de saia branca, que os asemellaba a aqueles conxéneres que saen na procesión do Cristal de Vilanova dos Infantes. Os de Miranda batían palitroques e facían coreografías moi parecidas ás usuais en Vilanova, nas que se incluía o entrelazo, con madamita e todo. Os de Miranda bailaban a toque de gaita galega.

Pregunteille por estas coincidencias a un crego enlevitado que parecía ser o director do rancho. El era sabedor da existencia dos danzantes do Cristal e díxome que a gaita galega era parte fundamental da música popular da Terra de Miranda. Por parte, cantaruxoume uns versos en ritmo de muiñeira dunha cántiga mirandesa que me soaron a Rosalía de Castro: “Vi venir la gaita cimo del lugar./ Pousei la mie ruôca, i pus-me a beilar./ I tanto beilei a la puorta de fuorno, / tanto beilei que me deron un bolho! / I tanto beilei cula gaita galhega, / tanto beilei que me namorei delha”.

"O mirandés é unha das falas que se encadraran na categoría de “romance leonés” e que hoxe van esboroándose até desaparecer"

Pasado moito tempo, fun sabedor de que aquel eclesiástico, coxo por máis sinal, era o Padre António Mourinho, impulsor principal da cultura mirandesa no século XX. Eu fun aprendendo que o mirandés é unha das falas que se encadraran na categoría de “romance leonés” e que hoxe van esboroándose até desaparecer. Asturias Central e Oriental é o principal reducto de supervivencia no Estado Español do antiguo leonés que, en Portugal, se mantén con dificultades en Miranda do Douro e, en proceso de extinción, na localidade fronteiriza de Rio de Onor. Coido que non se divulgou bastante o feito de que Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo, foi chamado polos parlamentarios portugueses de Livre para informar sobre a lingua mirandesa na Assembleia da República. Certamente foi alí o noso lingüista e escritor, e pronunciou un discurso sobre a necesidade de intervención pública en defensa do mirandés e do seu mantemento nos días futuros. Costas tamén é autor do libro, escrito en mirandés, Persente i futuro de la lhéngua mirandesa, Universidade de Vigo, 2023. Todo o que eu estou a simplificar nesta bagatela (e moito máis) exponse con rigor na obra citada.

Mais en Portugal, como en todas partes, hai xente que vive o pluralismo lingüístico coma unha maldición do Deus verdadeiro, que é o de Israel. A posición atea e esta: a lingua humana é unha e múltiple. E todas as linguas humanas son iguais en valores e dereitos; entre eles, o dereito á permanencia.

Suscríbete para seguir leyendo