Opinión | Os Camiños da Vida

Outra vez “Os Eoas”

Eduardo González Pondal Abente (Eduardo Pondal).

Eduardo González Pondal Abente (Eduardo Pondal).

Eduardo Pondal (1835-1917) era meniño (“rapacete novo que ben rexerse sabe”) cando lle referiron os afusilamentos de Solís e os seus camaradas da Revolución Galega de 1846. Máis tarde veremos un Pondal, mozo vehemente, que brindou con versos coma linguas de fogo no Banquete Democrático de Conxo. Era 1856 e Pondal participaba entusiasta no convivio famoso. El foi considerado, desde mozo, un esteo do noso Rexurdimento político-literario. Aclamado coma O Bardo, emitiu luces de anovamento no seu libro Queixumes dos Pinos (1886). E resgatou o Prerromantismo fundíndoo cun Clasicismo de nova factura como ninguén fixera en galego. Creou unha nova fronteira poética que chamamos Formalismo e definiu literariamente a nosa fin do século XIX.

Nun intre impreciso, O Bardo concebiu, co título d’Os Eoas, un poema épico ambicioso sobre o tema do descobremento da América. Entregouse a Os Eoas e traballou na súa redacción a derradeira parte da vida. No proceso de creación d’Os Eoas, Pondal foi acompañado dun círculo de seguidores que, arelantes, animaban O Bardo no labor de crear o grande poema fundacional da nosa lingua moderna. Coma fixo Penélope tecedeira, Pondal foi escribindo e neutralizando o escrito nun proceso absorbente e obsesivo.

Legoulle á Academia Galega os materiais en proceso en forma de centos de borradores que constitúen un caos fechado nunha maleta. Amado Ricón Virulegio intentou poñer orde naquel maremágnum e, en 1992, publica, por primeria vez, un texto d’Os Eoas que se presenta como próximo ao ideal compositivo do autor. Non sabía Ricón, nin sabiamos moitos, que O Bardo chegara en vida a un texto definitivo, mecanografado e disposto para entrar na imprenta.

Parece que en 1913-1914 Pondal puxera ramo de remate a súa obra. Pero, eses Eoas acabados perdéronse e non apareceron ata que o filólogo Manuel Ferreiro os atopou perdidos na sede académica da rúa das Tabernas e estando a Institución presidida por Xosé Ramón Barreiro quen decidiu a publicación inmediata dacordo co plenario corporativo. Encárgase de establecer o texto o citado Ferreiro e coedita o volume Sotelo Blanco, so a autoridade da RAG, en 2005.

Velaquí pois, o final dun labirinto no que aparece o poema acompañado por dous ensaios iluminadores de Xosé Ramón Pena e Manuel Forcadela. Acaba de publicarse da man de Pena unha nova edición d’Os Eoas (Galaxia, Vigo, 2024). Na presentación desta obra, Pena, eminente historiador da nosa literatura, ofrece unha introdución completa e exhaustiva que enriquecerá, sen dúbida, aos actuais interesados en Pondal, que somos lexión.

Suscríbete para seguir leyendo