Opinión | Segunda Feira

Nunha atmosfera belicista

O resultado das eleccións autonómicas do pasado día 18 de febreiro merece unha reflexión política que non imos intentar. Gañou o PP, que é un partido xeneticamente franquista adaptado as condicións de Galicia por Fraga Iribarne. Mais, na mesma consulta, o noso pobo viroulle as costas a Vox e á súa belixerancia neofeixista e contraria á normalización do Estado Español como plurinacional e plurilingüe. O BNG, nado do universo republicán galego, combatera, desde posicións autodeterministas, o franquismo e, despois, a Reforma política que se impuxo á morte do Caudillo.

Este BNG acábase de converter na segunda forza política do País. Apoiado por Anova recolleu votos alleos situados politicamente no nacionalismo e na esquerda xenuina. Sumando os deputados do BNG e do PSOE, obteremos o peso e realidade da oposición de esquerda ao PP. Con estas forzas e con decisión política pódese abrir unha frente propositiva parlamentar capaz de mudanzas nacionais progresistas e de autogoberno efectivo.

"Nós desexamos que a retirada do imperio norteamericano sexa elástica e non de terra queimada ou guerra xeralizada"

Frente a isto o PP vaise enfeblecendo no seu galeguismo “sano y bien entendido”, que xa ironizaba Castelao. Así, medidas sociais efectivas convertiríanse no horizonte unificado das esperanzas dun pobo. Pero esta nova lexislatura e esta cámara que acaba de ser constituída está a ser interpelada indirectamente pola situación difícil do intre histórico.

O tempo pide respostas á guerra en curso. O imperialismo norteamericano, enfeblecido, está a xerar un belicismo moi perigoso na Europa comunitaria na cal Galicia se veu integrada sen permiso nin debate. Na UE, e fóra, as voces de Borrell (“vox domini”) e doutros claman polo rearme en favor da extensión do conflito cuxos focos iniciais están en Ucraína e en Palestina.

"A oposición debería adoptar posturas inequívocas contra o belicismo co cal o Imperio pretende prolongar a súa propia decadencia"

Nós desexamos que a retirada do imperio norteamericano sexa elástica e non de terra queimada ou guerra xeralizada, como agoiran diversos portavoces. Os pobos queren un mundo multilateral no que o espectro da guerra deixe de abafar o benestar e o progreso, pulsión que debe incentivar toda a política de base e democrática. É aquí onde O BNG e o PSOE en Galica están chamados a facer ouvir voces de Paz. Ou sexa que a oposición debería adoptar posturas inequívocas contra o belicismo co cal o Imperio pretende prolongar a súa propia decadencia.

Suscríbete para seguir leyendo