Opinión | Segunda Feira

Celebración da lamprea

Velaí o peixe cartilaxinoso e sen escama, con catorce buracos para o respiro, e boca redonda ou ventosa dentuda na que as mandíbulas non se configuran e forma cobregaz, enfín, que pode provocar o noxo. No ano 1758, mestre Linné puxéralle o nome, ameazante, de Petronyzon maritimus: “o que traba na pedra”, que ficou como científico da especie para sempre. Falamos da lamprea, en vulgar de noso, que remonta, do mar aos cursos altos dos ríos, para reproducirse; e faino así desde antes de a especie humana aparecer sobre a Terra.

Seica a lamprea se extende por todo o Atlántico Norte, e as culturas humanas manteñen con ela relacións diferentes. Ríos nosos nos que se pesca este peixe son o Tambre, o Ulla, o Umia, o Miño e afluentes. Portugal é lampreeiro entre Miño e Douro. En Galicia e parte do norte do país veciño, foi sempre respectada a lamprea. M. A. Mato Fondo fala de cando, en pasado non distante, un muiñeiro de Ponteceso descobriu que no Anllóns había lampreas e inventou gañapáns adecuados para pillalas. Así e todo, existen antiquísimas pesqueiras, ou pescos, para apañar lampreas en varios ríos, incluído o Miño. Lonxe da antiga Gallaecia, considérase o Garona un río lampreeiro e, Bordeos, unha cidade que coñece o sabor deste peixe. Lembraba José Manuel Ponte, hai uns anos e neste mesmo Faro de Vigo, que, igual ca o muiñeiro de Ponteceso, houbo xente en Asturias que aprendeu a pescar as lampreas nos seus ríos sen tradición lampreeira. X. Viale Moutinho achou un texto de Camilo Castelo Branco (publicado en 1849) no que se descrebe, con inmenso humor e fartura léxica, unha esmorga de lamprea en Leça (Matosinhos), a carón da cidade do Porto.

"Existen antiquísimas pesqueiras, ou pescos, para apañar lampreas en varios ríos, incluído o Miño"

Alén de “á bordelesa”, así chamado pola cidade de Bordeos, sobre o Garona, a lamprea prepárase entre nós de distintas maneiras. Por exemplo “á miñota” que así se di a forma propia do saudoso Goián de Eliseo Alonso e Xavier Pousa. Esta “moda”, na outra banda do Miño recibe o nome, obvio, de “arroz de lampreia”. Naturalmente, e sempre, ben caldoso.

A lamprea típica de Noia é aquela en cuxa preparación se inclúen chícharos. E haina “seca”, ou “curada”, en toda a parte e para todo o ano. Lembremos, por fin, a empanada de lamprea que, segundo algunha opinión autorizada, pode ser vista nuns capiteis románicos da sala do Pazo compostelán de Xelmírez. Tal tipo de empanada mete lampreas enteiras e, para ser degustada, hai que lle retirar a cuberta. É a máis propia de Padrón e esteiro do Ulla.

O tema gastronómico da lamprea foi tratado de xeito exhaustivo e altura literaria por Xavier Rodríguez Baixeras no seu libro do Abadexo á Zorza. Diccionario da comida galega, Aira/ Engaiolarte, Vigo, 2018. Os próximos días 26, 27 e 28, Arbo celebrará os sesenta e catro anos da súa Festa da Lamprea. Parabéns.

Suscríbete para seguir leyendo