Opinión

Somos perigosas as mulleres?

Neste 8-M do 2024 debemos facernos preguntas sobre a situación das mulleres e intentar dar respostas que nos permitan avanzar na construción dunha sociedade plenamente democrática.

Somos perigosas as mulleres? A miña resposta é un SI con maiúsculas. Somos perigosas porque coas nosas vindicacións esiximos un cambio radical das estruturas patriarcais nas que vivimos. Demandar unha igualdade plena significa promover cambios estruturais en todas as ordes sociais e económicas. Significa rachar co sistema no que vivimos. As mulleres somos máis da metade do mundo pero estamos infrarrepresentadas en todas as áreas de decisión. Os datos falan alto e claro e son totalmente obxectivos.

Analicemos a estrutura de poder que analicemos, as mulleres sempre nos situamos en ratios inferiores aos dos homes: no poder político, no poder económico, no poder académico, no poder tecno-científico, no poder cultural, no poder xudicial. Cada día temos máis formación pero acadar os postos de decisión segue a ser unha quimera. Non resulta relevante que sexamos a maioría das egresadas ou a maioría das matrículas en mestrados. A realidade é teimosa. Por máis que teñamos extraordinarios currículos hai un teito de cristal que impide que poidamos alcanzar a cúspide dos postos onde se toman as decisións.

" O noso é un perigo fermoso: cambiar o mundo para facelo mellor"

Para lograr unha transformación cara a paridade hai que modificar esa estrutura social que impide e imposibilita que a metade do mundo acade a metade do poder. Iso significaría dinamitar os roles adquiridos desde que nacemos, avanzar na corresponsabilidade dos coidados, garantir a paridade na vida pública e privada, loitar contra as violencias que padecemos polo feito de ser mulleres, garantir todos os dereitos humanos para o sexo feminino, abolir a prostitución e a consideración do corpo das mulleres como mercancía, rachar cos privilexios do sexo masculino.

Son estas reivindicacións as que fan que se nos considere perigosas. Tomar estas decisións conleva que os homes teñan que renunciar a exercer o poder case de forma única. Só avanzaremos nesa igualdade que reclamamos se hai un reparto equitativo nos postos de responsabilidade.

Tomar estas decisións conleva que os homes teñan que renunciar a exercer o poder case de forma única"

Asumir que non hai outra forma para acadar a presenza que lle corresponde ás mulleres trae consigo un novo e imprescindible pacto social que cambiará todas as estruturas. É esta transformación radical a que fai que aparezan novas olas reactivas que se negan a que sigamos avanzando. Estas olas conservadoras e ultraconservadoras saben que as vindicacións feministas producirían ese cambio nun poder que non están dispostos a compartir.

É por iso que nos consideran perigosas. É por iso que somos perigosas.

Representamos a un movemento político cunha potente axenda de igualdade que, de acadarse, modificaría esa estrutura androcéntrica que lle dá ao sexo masculino o poder, o liderado e a dirección da organización social, económica, política, mediática, cultural ou xudicial.

O negacionismo da desigualdade e da violencia machista non é outra cousa que a negación de que o 51% da poboación poidamos formar parte das estruturas que deciden o devir da humanidade.

Por iso, este 8-M de 2024 anímovos a todas a seguir sendo perigosas. O noso é un perigo fermoso: cambiar o mundo para facelo mellor.

*Primeira tenente de alcalde e concelleira da área de Patrimonio Histórico, Cultura, Igualdade e Normalización Lingüística

Suscríbete para seguir leyendo