Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carmela Silva

SOS contra o machismo

Non hai peor crueldade, máis inhumana, máis arrepiante, máis desapiadada que a violencia machista, a que estamos a padecer continuamente as mulleres polo mero feito de ser mulleres. Unha grave vulneración dos dereitos humanos, do noso dereito á vida, á liberdade, á dignidade e á seguridade, que ten unha incidencia directa nas nosas fillas e fillos, vítimas tamén desta violencia. Por iso hoxe, 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, hai que poñer as cartas enriba da mesa, hai que lanzar un SOS e non permitir nin un paso atrás nos logros conseguidos; hai que berrar, alto e claro, que basta xa, que non podemos permitir que isto siga acontecendo, que non se poden tolerar cifras como as 1.118 mulleres asasinadas desde o 2003, as 37 que levamos no que vai de ano ou as centos que son violadas cada ano polo mero feito de ser mulleres.

Mulleres que son violadas e marcadas con feridas que xamais curarán como as que sufriu a moza de Igualada, con 16 anos, nas festas de Halloween, cando foi atacada salvaxemente por un grupo de homes que a violaron repetidamente por quendas ocasionándolle gravísimas lesións; ou a moza de Navarra, de 21 anos, que foi violada e sometida durante dez horas por un home que a humillou e violou con todo tipo de obxectos e, mesmo tivo tempo para fotografala; ou o caso que vimos de coñecer esta mesma semana, dunha menor de idade de Áraba, agredida durante meses por dous homes que tiñan con ela unha relación de parentesco.

Outras nunca máis poderán falar como as 37 mulleres que foron vilmente asasinadas polas súas parellas ou ex parellas no que vai de ano. Mulleres que perderon a vida dun xeito cruel, horrible, arrepiante, inhumano, do que debemos falar alto e claro para que se poida ver ata que punto chegan as violencias machistas: acoiteladas, a tiros, con feridas de machadas, asfixiadas, descortizadas, atropeladas, a martelazos, golpeadas na cabeza, degoladas ou mesmo chocando vehículos contra elas. Mulleres como Flora, de 82 anos e con mobilidade reducida asasinada en Vallecas; Conchi, de 56 anos en Biscaia; María Alicia, de 51 anos en Majadahonda; Mari Carmen, de 46 anos; Mari Cruz e a súa filla Isabel, de 47 e 11 anos en Madrid; Jordina de 34 anos en Barcelona; Paula de 36 anos en Mansilla de las Mulas en León; Pilar, de 50 anos en Tarragona; Johana, de 42 anos en Castellón; María Soledad, de 60 anos en Sagunto; Wanda Ouchene, de 28 anos, embarazada de tres meses, e o seu fillo de sete anos, en Baleares; Betty, de 52 anos, en Tarragona; Lucía, de 42 anos en Barcelona; María Teresa, de 48 anos, en Asturias; Katia, de 35 anos, en Zaragoza; Nicoleta Clara, de 41 anos, en Guadalajara; Alla B., de 48 anos, en Girona; Inmaculada Nzang, de 43 anos, en Almería; Katherine Brereton, de 58 anos, en Pozuelo; Rocio Caiz, de 17 anos, en Sevilla; Alicia, de 36 anos, en Xaén; Consuelo, de 81 anos, en Moratalaz; África, de 55 anos, en Valladolid; en Salamanca e con 34 anos; Hasna, de 35 anos en Barbastro; María Pilar, 43 anos en Navarra; Mari Ángeles, de 46 anos en Málaga; Amelia, de 76 anos en Madrid; Amal, de 39 anos en Sabadell; Pamela, de 25 anos en Cambrils; Antonella, en San Vicenç de Castellet; Oksana, de 37 anos, en Málaga; María del Carmen, de 60 anos, en Sevilla; Zuita, de 40 anos, en Villajoyosa; Mónica, de 52 anos, na Coruña; Erika, de 37 anos, en Vitoria e María Isabel, de 37 anos, en Cádiz.

Esta é a verdade. Isto é o que acontece.

Non é imaxinario.

Non é unha película de terror.

Non é inventado.

Non podemos mirar cara outro lado.

É real. Estamos nunha situación de alarma e é unha obriga lanzar un SOS contra o machismo á sociedade para poñer fin a esta violencia cruel, intolerable, que padecemos as mulleres. Non podemos permitir que sigamos a sufrir asasinatos, agresións, violacións ou continuas vexacións, soamente por ser mulleres. Estamos fartas! Todos os gobernos: o do Estado, os das Comunidades Autónomas, os locais, os sindicatos, as institucións académicas, o mundo da cultura, do cinema, da comunicación, da xustiza… teñen que poñer no centro á loita contra as terribles violencias machistas que sufrimos. É urxente unha axenda feminista xa! É urxente priorizar os dereitos das mulleres! Si, estamos fartas!

*Presidenta da Deputación de Pontevedra

Compartir el artículo

stats