Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carmela Silva

Os liderados que necesitamos

Este ano desde a Deputación de Pontevedra poñemos o foco na paridade como reivindicación indispensable para conseguir a igualdade plena. Recoñecida en tratados internacionais, principio constitucional e dereito fundamental, a paridade non é outra cousa que a necesidade de que as mulleres, o 50% da poboación, ocupemos os espazos e a representación que nos corresponde en todos os eidos: na política, na economía e na empresa, nos medios de comunicación, no saber, na ciencia e na Universidade, ou na creatividade e na cultura.

Hoxe quero determe na economía e no mundo da empresa no que mulleres altamente cualificadas, potentísimas, sofren sen embargo a falta de igualdade e de equilibrio cos seus compañeiros cando nos achegamos ás esferas de poder, aos cadros de dirección, ás presidencias, en definitiva ao lugar onde se toman as decisións. Aí non estamos e os motivos están baseados, como en tantos outros ámbitos, na ausencia de paridade cando somos a metade do mundo e estamos tan ou máis preparadas que eles.

Non hai unha soa causa racional que o xustifique porque hai datos que son irrefutables. Segundo o informe “Mulleres Referentes do Emprendemento Innovador en España” acabar coa fenda de xénero no emprego aumentaría o PIB de España nun 18,5%. Tres cuartas partes das compañías que promoven a diversidade de xénero en cargos directivos aumentaron o seu beneficio do 5 ao 20%. As mulleres están a liderar o emprendemento, hai unha verdadeira revolución feminina neste eido, e son innumerables as app de éxito lideradas por elas porque hai unha enorme capacidade e porque a maioría aplastante das ideas que triunfan proveñen de mulleres. Entón, ¿que está a pasar?, pois que nos postos de poder do sistema económico e das empresas practicamente non existimos, están eles.

A porcentaxe de mulleres ocupando postos de dirección é mínimo. A cifra de directivas en España sitúase nun 34% e os homes directivos gañan un 14,4% máis que elas; nas grandes empresas españolas ocupamos só o 17% dos postos das cúpulas, somos minoría nos consellos de administración, e nas empresas do IBEX representamos o 6% das presidencias e o 25% en órganos de dirección. A nosa representación segue a ser exigua e incomprensible ante o gran talento de tantas mulleres que se atopan unha e outra vez con teitos de cristal e chans pegañentos que só coa complicidade de todas e de todos poderemos eliminar.

"Aínda que estamos dando pasos grazas ao traballo de mulleres empresarias feministas, os datos non enganan e as causas que impiden que ocupemos tódolos espazos tampouco"

decoration

Temos que esixir a paridade porque os datos son arrepiantes na economía e no emprego: a fenda salarial está case nun 20%, en máis dun 34% no caso das mulleres pensionistas, somos o 74% das persoas cun contrato parcial, e ata un 45% de mulleres non volven ao seu posto laboral tras ser nais. A pandemia aínda fixo máis profundas as desigualdades de xénero e o confinamento converteuse para moitas mulleres en máis paro e máis precariedade. De feito, 7 de cada 10 persoas paradas durante a crise da COVID foron mulleres, tamén foron maioría nos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), nos traballos eventuais e nos contratos a tempo parcial, amais de ter salarios inferiores aos dos seus compañeiros. Hai 112.100 mulleres con contrato a tempo parcial, fronte a 34.200 homes. Un dato revelador: as mulleres foron o 93,2% das persoas inactivas que non buscaron emprego en 2020 para dedicarse a coidar de nenas e nenos, persoas maiores, con diversidade funcional ou dependentes. Nada novo se temos en conta que 9 de cada 10 persoas que se acollen a excedencias para coidar de familiares son mulleres, que os pluses ou complementos salariais recaen maioritariamente nos homes, que as horas extras non pagadas fanas as mulleres e cando se abonan son mellor retribuídas para os homes, ou que sectores tan feminizados como a limpeza ou os coidados teñen os peores salarios.

Ao final, e aínda que estamos dando pasos grazas ao traballo de mulleres empresarias feministas que están a promover medidas para achegarnos á paridade, os datos non enganan e as causas que impiden que ocupemos tódolos espazos tampouco. Pero a situación non é unha cuestión estatística ou anecdótica. É moi grave. O mundo cambiou, está a cambiar a maior velocidade cada día, e nestes tempos estámolo a ver con total claridade. A sociedade necesita tamén no sistema económico e nas empresas liderados claros, fortes, sostibles e igualitarios que definan unha folla de ruta para encarar os enormes retos que temos por diante. Non haberá boas decisións, nin bos liderados sen as mulleres. Non haberá xeración de actividade económica nin emprego digno e con dereitos sen que o talento da metade do mundo comparta a dirección e o mando. A mirada feminina será imprescindible, xa hoxe é imprescindible, se queremos enfrontar os desafíos que temos e os que están por vir. Sen as mulleres non será posible.

Compartir el artículo

stats