DE BOLINA

Ana Pontón contra Sísifo

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Coido ben que todos os, sempre moi amables, lectores e lectoras destas crónicas semanais han de coñecer dabondo o mito de Sísifo: estamos a falar, desde logo, do lexendario fundador, e rei, de Corinto, promotor do comercio e da navegación –pero asemade mentireiro e cobizoso–, que se atreveu a enfrontarse cos deuses. Castigado, daquela, polo todopoderoso Zeus, a condena consistiu en que o coitado exmonarca se vise na obriga de empuxar eternamente un pelouro pola ladeira arriba dunha montaña. E é que acontecía daquela que, unha vez na cima, o pelouro daba en rodar de súpeto, si ou tamén, encosta abaixo, obrigando deste xeito a Sísifo a reemprender unha e outra vez o seu percorrido.

Nas eleccións ao Parlamento galego celebradas en 1993, o PSOE obtivo 19 deputados por 13 do BNG. Nas de 1997, foron 15 socialistas por 18 nacionalistas. Saltando agora ao 2012, o resultado deu 18 socialistas por 7 membros do Bloque. Xa en 2016, a suma da Marea e do BNG acadou as 20 actas fronte a 14 socialdemócratas. Nin que dicir ten, en todos e cada un deses comicios “Zeus” PP –sen baixar nunca dos 41 deputados– foi moi capaz de manter a maioría absoluta. En fin, nestoutras que vimos de celebrar o pasado 18-F, os populares “apenas” obtiveron 40 actas por 9 do PSOE. Iso si: o BNG, liderado desta volta por Dna. Ana Pontón, acadou o mellor resultado de toda a súa traxectoria: nin máis nin menos que 25 deputados de seu sentarán agora nos escanos do Pazo do Hórreo. En consecuencia, trátase ao certo do principio da fin do castigo divino? Certamente, os apoloxetas orgánicos do nacionalismo –eufóricos que se moven, como resulta natural, logo dos resultados obtidos– parecen non albergaren ningunha dúbida ao respecto. Antes ben, todos eles e elas consideran que a idade da mitoloxía xa rematou e que, talmente como nas sagas de J.R.R.Tolkien, nin orcos nin hobbits nin ananos, nin sequera a transparencia dos elfos inmortais ha de prevalecer máis; son chegados, xa que logo, os tempos dos homes (e mais das mulleres e etc).

“A Sra. Pontón ha de saber que o camiño do Olimpo nunca resultou cousa doada”

Non ha de ser en ningún caso este cronista quen lles veña/pretenda amargar o doce. Como así mesmo desbotarei entrar nesoutra desputa verbo de préstamos, arrendamentos e hipotecas varias por máis que, iso tamén, non poida deixar de considerar que se a D. Abel Cabellero e adxuntos –na vez de manteren a disciplina do partido– se lles tivese dado por artellaren unha sorte de “Democacia olívica”, coido que deviría máis que probábel que dita formación acadase, polo menos, ese mesmo resultado obtido –o 8,87% dos votos na súa circunscripción; 1 deputado no Parlamento– pola Democracia Ourensana de Gonzalo Pérez Jácome. Para vaia; entendo que non é agora cuestión de andar espallando por aí adiante determinadas fantasías (ou pesadelos).

“O soño húmido dalgúns”: velaí como, da súa parte, foi cualificar outro algún, seareiro/analista próximo aos postulados do BNG a, polo demais xa ben coñecida/devezada, procura dun nacionalismo “made in PNV” que fose quen de entrar en competición aberta coa “sección galeguista” –contando, claro é, con que tal houbese realmente– do Partido Popular. Xa entrados en cuestións erotomaníacas, debo consignar non obstante que, segundo a miña experiencia, o que máis “poría” a algúns/as, viría ser, en todo caso, un ligamento entre o “made PNV” e esoutro “xeito PSC.” Pero, vaia: debo recoñecer que, cando adolescente, eu mesmo cheguei a fantasear algunha que outra vez con ser guitarrista dos Shocking Blue, a beira de Mariska Veres: “She’s got it/Yeah, baby, she’s got it”.

Se volvemos agora aos pasados comicios do 18-F, poderemos comprobar axiña que o BNG foi recibir neles o 31,57/% dos votos emitidos. Se a tal porcentaxe lle engadimos o 1,90% atinxido por Sumar e aínda o 0,26% que foi parar na papeleta de Podemos, o resultado final viría ser o dun 33,73%. Parece, en principio, un tanto complicado que a esa cifra se lle foxe xuntar sen máis a totalidade do 14.04% que foi capaz de reter aínda o PSOE. Xa que logo, como poder atinxir esoutro 47,36% do PP (máis, xa metidos a fondo, o 2,19% que elixiu o cartel de Vox)? Buscarán nun futuro –pero o futuro xa está aquí– Dna. Ana e mais os seus ampliaren a súa “pesca” nos, ata o momento, caladoiros-couto do PP? Doutores ten a Igrexa, e estrategas o nacionalismo.

En fin; poida que, en efecto, a Sra. Pontón concluíse o mito de Sísifo. Porén, outros varios e complexos lle restan aínda por afrontar na súa traxectoria. Pero vaia; ninguén dixo que o camiño do Olimpo fose cousa doada.

Suscríbete para seguir leyendo