ao pé do farelo

Socorro, chegou o Nadal!

Ángel Utrera Baza

Pois nada amigos, un ano máis o Nadal xa está aí chamando por nós á porta da casa. Unha vez máis sentiremos o feitizo máxico das luciñas, as árbores cheas de adornos rechiantes, os escaparates dos comercios cos falsos carteis de cartón pedra desexándonos felicidades, a música das panxoliñas e o clásico entre os clásicos: o sorteo da lotaría cos nenos e nenas de San Ildefonso, cantando bolas sen descanso, para ledicia duns e desesperación dos máis que nunca nos tocou nada.

Chegou o Nadal, cargado de paquetes e agasallos, de parabéns, os desexos de sempre, as apertas, os bicos, as viaxes dos nosos máis queridos, xa saben, a mesma absurda posta en escena de sempre, nos últimos tempos acrecentada por esa estupida loita por ver que cidade coloca máis alumeados e adornos que, como di o ínclito alcalde de Vigo, o Sr. Caballero, que se vexan dende a Lúa. Total, algúns de nós non nos baixamos dela en todo o ano.

Pero, sen dúbida, para moitos homes e mulleres de a pé, coma min, o Nadal é un tempo gris de saudade e mesmo tristura, cando non depresión, porque nos evoca momentos felices do pasado, e o recordo daquelas persoas queridas coas que compartimos momentos irrepetibles e felices, que xa non están o noso carón e botamos en falla irremediablemente. Botamos de menos aquela inocencia da nosa nenez, a fantasía, a maxia do reencontro, as ledicias e agarimos compartidos cos pais, os avós, a familia toda reunida en torno a unha mesa contentos e felices do regreso á casa e sentirnos xuntos, queridos e unidos. O belén, a misa do galo, os Reis Magos. Cousas sinxelas pero para nós moi propias que gardamos nun recuncho do corazón. Para moitos de nós o Nadal é tempo de botar de menos, de recordar, de sentirnos falsamente máis bondadosos do que somos a diario, tempo de tristura por outro ano que se vai, e por un futuro incerto, ás veces sen ninguén co que compartir a soidade da túa vida.

Algúns combaten este sentimento de fracaso, que para os sicólogos se explica como un estado de pena ou tristura pola ausencia de algo ou alguén moi intrinsecamente querido, con inútiles e absurdos estímulos que dan resposta compulsiva ás técnicas do márquetin comercial, gastando en compras e agasallos sen ton nin son e sen saber porque ou para que. Outros centran este desexo de satisfacción e felicidade obrigada en comer ou beber desaforadamente, en tanto que case que todos queremos mostrarnos máis animosos, alegres, participativos e xenerosos, cando normalmente non o somos.

Eu reivindico, para min e para todo o que o queira, o dereito a non ter que estar alegre, contento e feliz porque esteamos a celebrar o Nadal, e dende logo o dereito a sentirme bastante mellor animicamente se me deixan berrar pola ventá: Socorro, chegou o Nadal!