Voyager

Queremos galego

Ledicia Costas

Ledicia Costas

O pasado martes presentouse no Congreso a reforma do regulamento para permitir o emprego na Cámara Baixa de todas as linguas que teñen a condición de oficiais no Estado español. Mentres viviamos este momento histórico de poder escoitar as intervencións (ademais de en castelán) en catalán, éuscaro ou galego, presenciamos tamén unha peza de teatro esperpéntica co desfile de políticos que abandonaron o hemiciclo como protesta ante tal exhibición de diversidade lingüística. Horas despois, a plataforma Queremos Galego facía público un manifesto asinado por persoas de todos os ámbitos da sociedade. Nese texto expresábase o apoio ao emprego da lingua galega no Congreso, ademais de recoller o feito de que o seu uso neste espazo é unha maneira de contribuír tanto ao seu coñecemento e divulgación, como ao seu prestixio e normalización. A realidade é que España é un estado plurilingüe cun idioma común. Esta riqueza é unha característica extraordinaria. Arredor desa liña de unión que é o castelán, vertébranse outras linguas que configuran ese carácter multicultural do Estado. Este feito, debese ser un motivo de orgullo, mais adoita acabar sendo unha arma para abrir gretas e sementar a discordia. Por que empregar o galego no Congreso cando existe un idioma que todo o mundo comprende? Por que gastar en traducións que permitan a comunicación? Escoitei estas preguntas varias veces ao longo destes días e comprendo que se formulen. Para min, o feito de que o galego se fale na Cámara Baixa é un acto cun gran poder transformador. Porque a realidade que vivimos aquí é que o galego é unha lingua minorizada, feito que cobra especial forza en cidades coma Vigo ou A Coruña. Cando rompe a cadea de transmisión da lingua (cando as avoas, os avós, os pais deixan de falar galego ás pequenas e pequenos da casa) estase condenando o idioma ao seu esmorecemento dentro da familia. Esa semente de desaparición que prende dentro dos núcleos familiares esténdese tamén a toda a sociedade a través da escola, a través da vida nos parques, das relacións persoais... Pero que ten que ver isto co Congreso? O Congreso é un espazo de prestixio, un lugar onde as cuestións que se debaten afectan a todo o Estado. Ter a oportunidade de expresarse en galego implica facer un crucial labor de divulgación, supón contribuír a que deixe de ser unha lingua allea, acurrunchada entre os montes, a romper esa idea de que existe unha Galicia profunda que vai da man da ignorancia. Eses tópicos que se reproducen por sistema son unha ferida aberta. Porque, en realidade, non hai nada máis paleto (desculpen o castelanismo), que dicir Arteijo, Sangenjo ou Órdenes. Que os deputados e deputadas empreguen a lingua galega é un acto de gran carga simbólica, non só de cara ás persoas doutras comunidades do Estado, senón tamén cara ás persoas galegas que van escoitar o idioma propio de Galicia nun espazo onde goberna (non sempre, máis así debese ser), un rexistro culto. “Pero es que me suena mal”, repiten algúns. Pois con máis motivo. Porque se che soa mal “aparcadoiro” pero ben parking, se che soa ben meeting e mal "xuntanza", se che soa ben call e mal "chamada", é que a invasión quizais veña por outro lado, mais as árbores non nos permiten ver o bosque.

Suscríbete para seguir leyendo