Tribuna libre

A literatura galega respira con boa saúde

Fina Casalderrey

“Miño” responde a ese fermoso símil que define os bos libros: ábrese cunha sorte de porta de ouro que encerra dentro numerosos e variados tesouros e péchase con proveito, coas atinadas reflexións, a modo de conclusións de Antón Riveiro Coello. Rexina Vega é a encargada de nos abrir esa porta de entrada cun fermoso e clarificador prólogo que nos anima seguir o río con equipos axeitados, preparados para as sorpresas, sen nos desvelar apenas os segredos que pode gardar, esperta en nós o desexo de nos converter en exploradoras e exploradores dispostos a introducírmonos nunha sorte de fraga máxica na que que non só imos atopar as mais variadas vexetacións senón que as voces dos reiseñores van mudando coas estacións. Autoras e autores de diferentes xeracións, xéneros, especialidades, unidos todos por ese fío común de escribir un relato na nosa lingua —para que os deuses nos perdoen a vida, como dicía un conto antigo— brindaron a súa prosa libremente, sen máis ataduras ca as de entregar un relato para encher de caudal este río, este figurado Miño.

Velaquí 38 historias, 38 homes e mulleres que ofrecemos un anaquiño de nós para encher de caudal o percorrido no que atoparemos historias de guerra, de amor e de humor, de memoria histórica e memoria, de reivindicación, tenrura, poesía... en voces novas e non tan novas, femininas e masculinas... Os contos salvagardaron en tempos difíciles a lingua, a literatura oral termou do idioma. Aquí, Xosé Manuel del Caño e dous “Manueis” máis, Pato Vidal e Álvarez, obraron o prodixio de coordinar o proxecto, que non é máis ca unha continuación daquel primeiro Fisterra, con 40 relatos e que ten espírito de continuidade nunha vindeira entrega, porque, tal como di Antón Riveiro Coello no epílogo que pecha o libro, aínda quedan ausencias importantes...

A literatura galega respira. Respira, ademais, con boa saúde, sen complexos, sabemos que en galego se pode contar o mundo. Estamos no país dos mil ríos, mais tamén no país dos mil creadores, creadoras...

Velaquí un achegamento á nosa literatura sen adxectivos e sen prexuízos: creadores de LIX, narradoras de adultos, poetas... de diferentes idades, homes, mulleres..., máis ou menos consolidados...

Suscríbete para seguir leyendo