Voyager

Libros, libros, libros!

Ledicia Costas

Ledicia Costas

Hoxe é o Día do Libro, unha efeméride de alcance mundial. Desde o Goberno central, a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura encargoulle o tradicional cartel a Sergio García Sánchez, Premio Nacional de Ilustración. Elaborou a ilustración a partir dunha cita do escritor venezolano Rafael Cadenas: “La literatura es un muro contra las barbaries”. Cadenas é o último galardonado co Premio Cervantes, que se entrega mañá nunha ceremonia no Paraninfo da Universidade Alcalá de Henares, presidida polos Reis de España.

Arredor desta xornada empezan a multiplicarse as actividades onde o libro sempre é protagonista. En cada edición, a Consellería de Cultura, Educación, Formación profesional e Universidades tamén publica cada ano o seu propio cartel para conmemorar este día. Nesta edición, vai acompañado dunha mensaxe, obra da profesora Montse Pena Presas, investigadora especialista en Literatura Infantil e Xuvenil. Baixo o título “Dar de ler”, Montse homenaxea as mediadoras ou, como ela di no seu texto, redeiras de palabras, esas navegantas para as que todos os días son os días do libro, a estirpe que tece redes arredor das historias. Esta mensaxe pon no centro a profesoras, bibliotecarias, mestras e toda esa tribo indispensable para que os libros voen de man en man e que son expertas en contaxiar o amor pola lectura.

En Galicia, arredor desta data, é xa tradicional a inauguración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que chega á súa edición XXIV baixo o lema “Libros para Xogar!”, con Colombia coma país convidado e dúas persoas homenaxeadas: o escritor e profesor Manuel Lourenzo e a ilustradora Maife Quesada, unha das primeiras mulleres ilustradoras en Galicia. O Salón do Libro celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra desde o 21 de abril ao 7 de maio. Serán semanas moi intensas cunha programación fiel ao carácter lúdico do seu lema, mais cos libros e a lectura sempre no foco. O listón está moi alto. O Salón do Libro Infantil e Xuvenil leva vinte e catro anos sorprendéndonos coa calidade da súa ambientación, das actividades e da entrega dun equipo que, a forza de traballo, capacidade de inventiva e, sobre todo, paixón pola literatura infantil, conseguiu converter este proxecto nun referente de todo o Estado.

Desde hai algunhas edicións, o perfil do salón incorporou a presenza internacional, convidando unha cultura coa que celebrar esta festa que son os libros infantís. En pasadas edicións tivemos a Euskal Herria, a lusofonía ou México. Que haberá nesta edición do Salón do Libro? Roteiros, obradoiros gastronómicos, musicais, de ilustración, literarios, visitas guiadas, faladoiros, contacontos ao aire libre, en espazos pechados, concertos (hai ata unha ópera infantil), escape book… Máis ben, a pregunta correcta sería: que é o que non haberá no Salón do Libro? Anímoos a entrar na web do evento (www.salóndolibro.gal), consultar a programación e anotarse nas actitividades porque as prazas voan. Ah! e quen tamén estará no salón será Orbil, a mascota. Ese lobo riquiño que se converteu nunha auténtica superstar. Todas as nenas e nenos queren unha foto con el, un abrazo, un colo… Porque abrazar a Orbil é, en realidade, abrazar un Libro, pero ao revés. Vémonos no Salón. Feliz Día do Libro!

Suscríbete para seguir leyendo