TRIBUNA LIBRE

María de Rodeiro

José Luis Camiñas*

María, de Rodeiro, empezou con despistes hai dez anos. Un día esquecíaselle a tixola ao lume e outro poñía o vestido ao revés. Atendeuna un neurólogo no Clínico despois de moito tempo. Dixéronlle que tiña deterioro cognitivo, e que lle viría ben ir a un centro de día, xa que así se retrasaría a súa demencia. A familia díxolle ao médico que en Rodeiro non había diso e o neurólogo encolleuse de hombreiros. Esperou máis dun ano ate que lle deron unha axuda como persoa dependente. Xa non coñecía nin ao seu home cando a subiron nunha ambulancia para levala, mañá tras mañá, ao centro de día de Lalín. Mareábase en cada viaxe, vomitaba e tiñan que mudala de roupa ao chegar. Aínda así, notáronlle melloría, porque alí tiña monitores que a motivaban.

Hai cinco anos, xa non puido ir máis cara Lalín: nin o corpo nin a cabeza lle permitían o traqueteo. Quedou na casa, sen centro de día e cunha axuda dunhas horiñas no fogar que ás veces o Concello lle enviaba e outras non. Dependía de que os seus a coidaran mentres se ía convertendo nunha muller morta en vida fronte a unha televisión que falaba sen que ella a entendera. Non tiña coidados profesionais e os seus fillos facían miragres para movela e que non se lle fixeran feridas no corpo por estar na mesma posición, algo case imposible.

Pasou mañás e tardes mirando ao baleiro dende o sofá, sen calidade de vida. Tamén sen compaña durante moitas horas, porque os seus queríana moito, pero ademáis de coidala tiñan que traballar para vivir. María xa morreu. Que o PP de Luis López e Cati Somoza lle miren á cara á súa familia e lle conten que van empregar outros 200.000 euros (e xa van 900.000) en facer unha aula informática e un salón de actos no centro polivalente, cando en Rodeiro non vai quedar nin o apuntador. E que, sen embargo, nese edificio non haberá un centro de día nin outros servizo para coidar aos maiores. Que llo digan tamén aos veciños e veciñas que condenan ao mesmo que a María, porque esta historia, por desgraza, repítese nas catro esquinas de Rodeiro. Eu, que teño pais e veciños maiores ou dependentes, non sería capaz.

*Candidato do PSOE á Alcaldía de Rodeiro.