na latitude do deza

Os mapas de Hilgen

Antonio Presas

Así é como hai que chamarlle ao que sucedeu, as cousas polo seu propio nome, sen alcumes. O Concello de Lalín, con toda a boa vontade do mundo, cedeulle, por cinco anos, o material completo do “Legado de Hilgen” ao Concello de Vila de Cruces, para que montaran o Museo da Minería de Fontao e, ao cabo deses cinco anos establecidos mediante un “convenio de cesión”, o concello de Vila de Cruces foi incapaz de devolver todo o material que fora cedido.

Incomprensible, pero aínda é máis incomprensible que desde a súa recollida nas dependencias do Museo da Minería de Fontao, en 2018, foron incapaces de facer nada para a súa recuperación, incapaces de trazar un plan metodolóxico para revisar todo canto sucedeu durante o tempo de custodia, se é que a houbo, e incapaces de marcar unha estratexia definida para saber o que sucedeu e buscar aos culpables da perda de máis de 50 mapas diversos de gran tamaño (formato mural). Pois ben, se non hai culpables hai responsables e os responsables, co seu estrano comportamento, achéganse á inescrutable complicidade.

Reclamouse por “activa, por pasiva e por perifrástica”, acudiuse a Valedora do Pobo, o BNG de Cruces propuxo a creación dunha Comisión de Investigación, que naceu morta por aborto prematuro, houbo reclamacións por “vía oficial”, tiveron lugar supostas negociacións de caracter amistoso entre as autoridades do Concello de Lalín e o pasmoroso goberno de Vila de Cruces, esperouse un tempo que sobrepasa os límites da paciencia do bíblico santo Job, ... etc... e, finalmente, o concello de Lalín acudiu á “vía xudicial”, que foi clara e contundente: “hai que devolver o material que falta”.

E todo o que podemos decir do comportamento das autoridades do concello de Cruces raia as liñas do despropósito máis absoluto que poida concebirse, pero este concello, o Concello de Cruces, segue sen facer nada, como se a historia non fora con eles. Agora a “espada de Damocles” está sobre a súa cabeza e o que se podía resolver con relativa facilidade pasará, agora, a un costoso proceso que tera que pagar o concello de Cruces gobernado por políticos sen alcurnia.

O Concello de Lalín cumpriu sobradamente, tivo paciencia infinita, foi colaboracionista “a tope”, porque lles axudou a montar o museo de Fontao, chamado a ser unha “perla da minería” a nivel de Galicia e, ao final, nin tan siquera recibiu a máis mínima mostra de gratitude.

Pois ben, todo isto é para pensar si é que temos un “concello amigo” ao noso lado ou un concello, exclusivamente, de comenencia.