Maio de festas con epicentro nas Letras

Cangas celebra múltiples eventos este mes organizados polo Concello e colectivos sociais

Representantes do Goberno de Cangas e dos colectivos organizadores presentaron onte a programación de actividades.

Representantes do Goberno de Cangas e dos colectivos organizadores presentaron onte a programación de actividades. / G. Núñez

Moitas, variadas e para todos os públicos, resumen os organizadores das actividades que se van celebrar durante o mes de maio, co Día das Letras Galegas como data de entrega de premios Xohán de Cangas e Ignacio Cerviño ao labor cultural, a creación artística e a recuperación e defensa do patrimonio. Xa hai persoas e/ou colectivos nominados e algúns elexidos polo xurado, pero non se van dar nomes ata as vésperas do 17, sinalan desde a organización.

Cronolóxicamente, maio ía abrirse esta fin de semana coa Festa do Muíño de Fausto, en Coiro, pero a meteoroloxía aconsella suspender e adiar para o vindeiro as actuacións musicais, o serán e debullada, os xogos, o pregón oficial e o xantar popular. Si se celebraron, baixo teito, a charla sobre os “Eólicos no Morrazo”, a cargo da Mancomunidade de Montes, e a presentación da “Guía didáctica do monte veciñal en mancomún” polo Instituto Galego de Terras Comunitarias (Ingateco) e “As mulleres comuneiras nos montes veciñais”, por Eva Pereira Iglesias.

Tamén para a vindeira fin de semana está programada a “Primavera Darbo Fest” , que ten por obxectivo recadar fondos para a romaría tradicional de Darbo, que se celebra en setembro. O sábado 11 actuarán 2con2 e Dj Michi desde as 21.30 horas, e haberá bocadillos quentes e bebidas frías a prezos populares, segundo anunciou o presidente da comisión de festas, Constante Soliño. “Temos ilusión e, se sae ben, repetiremos en próximos anos”, recalca.

Para o domingo 12 está sinalada a terceira edición do Memorial Anxo Gago, “Lito”, que comezou hai cinco anos pero tivo que interromperse pola pandemia de Covid. Os sons de las gaitas intensificaranse desde as seis da tarde no adro do Hío en lembranza e homenaxe ao laureado artista e “mestre de gaiteiros de Pinténs, do Hío, do Morrazo e máis alá”. Tamén se lle tributará un recoñecemento a Carmiña Pérez Alonso, “alma do noso folclore”. O acto está organizado por compañeiros da murga Máis ou Menos e a Asociación de Música Tradicional Anxo Gago coa colaboración da Asociación de Veciños A Fontenova e o Concello.

O venres 17 celebrarase o Día das Letras Galegas e haberá romaría no adro de Darbo organizada pola Asociación Cultural Peis d´hos. Comezará a mediodía cun concerto punkinfantil a cargo de Peter Punk e Brais das Hortas, e logo a charanga NBA animará o recinto, donde haberá pulpeira, churrasco, paella, bocadillos e comida vegana e barra con bebidas a prezos populares. Pola tarde, xogos e actuacións das pandereteiras Cantigas e Agarimos, Airiños da Freba, o Trío Tic Tac e a música de Noname Djs ata altas horas da madrugada.

Cult metal

Maio tamén ten espazo para a música cañera cun concerto e unja jam session organizados por Morrázica Cult Metal nos Xardíns de Andrea (parque da Palma), a carón do local O Ghato de Mar. Comezarán ás sete da tarde do 18 de maio e participarán músicos afeccionados e non profesionais, a o obxectivo é recadar fondos para o festival Kanekas Fest, que se celebra no verán na explanada de Ojea. No cartel para o 23 de xullo xa hai bandas confirmadas, como nas Ánteros, Infrahumano (Vigo), Cancer (UK), Hippotraktor (Bélxica), Marthyrium (Mugardos), Unathousänd (Vigo), Ruinas (Ferrol), Wisdom (Ferrol), Neila (Bilbao) e Holycide (Madrid).

Xuntanza en Aldán

Máis tranquilo será o concerto que ofrecerá, o día 18 no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela,, o grupo Varalonga coa presentación do disco “Sempre Mar”, con poemas de Bernardino Graña musicados. E ese mesmo día 18 haberá unha “Xuntanza de amigos de Aldán” que comezará coa primeira andaina organizada pola Asociación Cultural Nosa Señora do Carme, partirá ás 10 da mañán da alameda e terá unha duración aproximada de tres horas. O prezo da inscrición é de 5 euros, co obxectivo de financiar as festas do Carme. Logo haberá comida popular na alameda, xogos populares pola tarde e verbena nocturna amenizada polo grupo Soprano. A organización xa adianta que as Festas do Carme de Aldán serán o 20, 26, 27 e 28 de xullo. Haberá festa infantil a cargo de Skandall, para a xuventude con Quinquillada e Claxon, Dj Rodri Vegas, pasarrúas e sesión vermú con Noroeste; verbenas con Magos, Metrópolis e Gran Parada, ademais de misa de campaña, procesión marítima e tirada de fogos de luces.

Música e arte no Auditorio

E no Auditorio Municipal Pazos Varela, ademais da Festa da Cultura coa aportación musical de Xosé Manuel Rocha –que mesmo interpretará unha peza de Anxo Gago “Lito”– haberá actuacións musicais ou unha exposición do pintor Jesús Díaz Ferrer, que pasou temporadas en Cangas arredor de 1955. Juanjo Pérez, director do Auditorio, anunciou que a mostra será inaugurada por dúas concelleiras de Cultura, a de Cangas, Aurora Prieto, e a de O Barco de Valdeorras, Margarida Pizcueta, que tamén é orixinaria de Cangas. No acto de presentación das actividades, onte no Concello, acompañaron a Aurora Prieto as tamén concelleiras Iria Malvido e Xiana Abal.